O Parlamento pide ao Goberno central fondos para o gasoduto Guitiriz-Zamora

TerraChaXa
O Parlamento galego demanda ao Goberno central a que destine fondos europeos para a construción do gasoduto Guitiriz-Zamora
gasoduto
9 Xuño 2022

O Parlamento de Galicia aprobou a proposición non de lei do Grupo Popular, que foi transaccionada co Grupo Socialista e que non contou co apoio do BNG, a través da que se solicita ao Goberno central que promova o financiamento con fondos europeos a construción do gasoduto Guitiriz-Zamora para impulsar no medio e longo prazo o transporte de gases renovables e de hidróxeno, de acordo cos escenarios do Plan nacional de enerxía e clima 2021-2030. Así mesmo, pídese, no actual contexto europeo, o desenvolvemento da terceira interconexión con Portugal, garantindo a integración de todos os territorios da península ibérica.

A portavoz popular de Enerxía, Marta Nóvoa, explicou que España lidera a capacidade de almacenamento e regasificación de Europa, “pero temos un importante problema que é a falta de interconexión enerxética con outros países, o que sería clave para consolidar este liderado de España”.

DECISIÓNS ÁXILES E INTEGRADORAS

“Tal e como sinalou a propia Comisión Europea, España pode desempeñar un papel importante na subministración enerxética de Europa, polo que o Goberno central debe adoptar decisións áxiles e integradoras que esta vez non deixen atrás a ningún territorio”, indicou.

Neste contexto, o Goberno de España está estudando reactivar o proxecto de gasoduto denominado Midcat, declarado no seu momento Project of Common Interest, que consiste nunha terceira interconexión de España e Francia a través dos Pirineos. “Este proxecto debe servir para unha correcta integración de todos os territorios da península ibérica, co resto da Europa, acadando prezos competitivos e aportando liquidez ao mercado único”, dixo a portavoz popular.

Marta Nóvoa manifestou que “o importante é que a execución deste proxecto inclúa en paralelo a construción do gasoduto Guitiriz-Zamora, na medida que este reforzo de transporte é imprescindible para evitar conxestións no noroeste peninsular”. “Este gasoduto permitirá, no medio e longo prazo, o transporte de gases renovables  e será fundamental para conectar a xeración de hidróxeno verde en Galicia co resto de redes de transporte europeas”. 

Así mesmo, a portavoz popular engadiu que sería unha terceira interconexión con Portugal “cun rol esencial para o desenvolvemento do mercado europeo de gas e do futuro hidróxeno verde”.

0.18957185745239