O Parlamento vota en contra de manter o colexio de Baamonde

TerraChaXa
A proposición non de lei presentada polo grupo parlamentario do PSOE para esixir á Xunta a continuidade do Ceip de Baamonde foi rexeitada.
peche colexio baamonde
11 Mar 2021

Tal e como anunciaran ates da votación, a proposición non de lei presentada polo grupo parlamentario do PSOE para esixir á Xunta a continuidade do Ceip de Baamonde foi rexeitada. Votaron a favor os 27 concelleiros do BNG e do PSOE e en contra os 37 do Partido Popular.

Malia este resultado, a anpa do colexio continuará coas mobilizacións en contra do peche do centro. De feito teñen previsto facer unha acción esta fin de semana que podería consistir en encadearse ao centro.

Así mesmo, a través de declaracións, os veciños de Baamonde souberon que os escolares matriculados hoxe en día en Baamonde pasan a estar matriculados de feito no Virxe do Corpiño, aínda que non tiveron comunicación oficial deste feito por parte da Consellería. Os pais volveron pedir unha nova reunión co conselleiro para facerlle chegar a súa opinión sobre o acontecido.

VALEDORA DO POBO

Tamén obtiveron contestación da Valedora do Pobo que lle informou que "Só podería ser supervisada por esta institución unha actuación administrativa non conforme co procedemento legalmente establecido, acto administrativo que aínda non se ten producido".

Os pais anunciaron que lles remitirán nova información "para facerlle saber que dende o día 1 de marzo se está a levar unha actuación administrativa non conforme co procedemento legalmente establecido por parte da Consellería de Educación". Engloban nesta protesta o feito de que se impedise este ano a matriculación no Ceip de Baamonde.

Así mesmo, lembran que non teñen ningún problema porque se utilicen as aulas para escola de música Crisanto polas tardes "pero non hai que por iso pechar o colexio".

Mentres, os populares asegura que a fusión dos centro será beneficiosa destacando o investimento de 600.000 euros no Ceip Virxe do Corpiño.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, tamén solicitou unha reunión co conselleiro e está "pendente de que se concrete". Unha parte dos alumnos de Guitiriz estuda no centro de Baamonde.

0.18541383743286