O parque de bombeiros de Vilalba contará cunha nova escaleira articulada
O Parque de Bombeiros de Vilalba contará cunha nova auto-escaleira xiratoria para ser máis eficientes nos labores de rescate e de combate do lume nos incendios. Así se acordou nun Pleno do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento que se celebrou este xoves pola mañá. Unha sesión que se desenvolveu por vía telemática e que presidiu o Presidente do Consorcio e tamén da Deputación de Lugo, José Tomé Roca.
Acordouse sacar a licitación o subministro deste novo equipamento por 930.000 euros, que se incorporará para mellorar o equipo co que conta o parque chairego. Esta escaleira ten co último tramo articulado 30 metros de altura, o que equivale a uns 10 pisos dun edificio, o que facilita ter un acceso rápido a lugares elevados en situacións de emerxencia, como incendios en inmobles altos. Ademais, fai posible que os efectivos traballen dunha maneira máis segura ao tempo que se salvagarda a seguridade das persoas afectadas neste tipo de emerxencias.
O Consorcio Provincial de Lugo para Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento está formado pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia ao 50%, e inclúe os parques de Monforte de Lemos, Barreiros, Chantada, Vilalba, Sarria e Viveiro.