O parque de Leboreiro en Muras acolle o primeiro edificio industrial sostible de España
O parque eólico de Leboreiro, situado en Muras, vén de ser dotado dun novo centro de control e almacén froito da rehabilitación integral do vello edificio conforme aos estándares e certificacións de construción pasiva. Trátase do primeiro edificio industrial de España que obtén a acreditación Passivhaus.
Esta acreditación é un estándar internacional que recoñece con carácter oficial as edificacións que merecen ser consideradas sostibles. Para iso hanse de cumprir unha serie de requisitos de estanqueidad, ventilación e materiais establecidos polo Passivhaus Intitut de Alemaña.
De feito, o anterior centro de control presentaba humidades e filtracións e tiña unhas dimensións e uns materiais construtivos que dificultaban a súa integración na contorna.
Desta forma, división de renovables de Endesa acometeu unha reforma para resolver as carencias e, así mesmo, constituír un modelo de boas prácticas ambientais.
As novas instalacións, que requiriron un investimento próximo aos 300.000 euros, dispoñen de fachadas ventiladas revestidas con lousa autóctona nos flancos máis castigados polas inclemencias meteorolóxicas. Contan con aproveitamento de enerxía geotérmica, cun pozo de 85 metros de profundidade e dispoñen de paneis fotovoltaicos que suman 9,4 quilowatts de potencia; así como recirculación de aire, 140 metros cadrados de chan radiante, aproveitamento de augas pluviais e alto grao de illamento en cerramentos e carpintería.
Todas estas características tradúcense nunha pegada de carbono e ambiental mínima e nun notable confort térmico, explica a empresa. Tamén se tivo en conta a integración ambiental na contorna.
O parque eólico de Leboreiro conta cunha potencia instalada de 21,1 megawatts, con 32 aeroxeradores de 660 quilowatts. Foi posto en operación pola filial renovable de Endesa, Enel Green Power España, a principios de 2005.