O parque de Sotavento estará presente na Feira da Enerxía de Galicia
O parque eólico experimental de Sotavento estará presente na II Feira da Enerxía de Galicia, a cal se celebrará na Feira Internacional de Galicia ABANCA co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que contará cunha gran área divulgativa centrada nos distintos tipos de enerxía, o aforro e eficiencia enerxética e a mobilidade sostible.
Promovida pola Fundación Sotavento Galicia e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), esta exposición e as súas actividades estarán dispoñible durante os tres días do certame, que terá lugar do 22 ao 24 de marzo, e serán de gran interese para o público xeral, tanto nenos como adultos.
Así, contará con distintas zonas temáticas centradas nas enerxías non renovables e renovables, transporte e acumulación de electricidade, eficiencia e aforro de enerxía e tamén mobilidade sostible, nas cales se incluirán numerosos elementos cos que os visitantes poderán experimentar. Unha maqueta dunha central térmica, un aeroxerador real, unha placa fotovoltaica, unha máquina de vapor ou unha bicicleta eléctrica será só algúns deles.
Para o público máis novo, ademais desta exposición, levaranse a cabo distintos obradoiros e xogos enerxéticos conducidos por educadores con ampla experiencia en formación pedagóxica. Entre elas, demostracións con cociña solar, placas solares fotovoltaicas e vehículos eléctricos.
Estas e outras actividades conformarán ademais un programa específico para escolares, do cal desfrutarán durante os dous primeiros días do certame alumnos de primaria de distintos centros educativos.
Esta área divulgativa tamén contará con material e contidos para adultos, os cales poderán consultar pola súa conta os elementos expositivos e material interactivo ou realizar unha visita guiada cos educadores. Así mesmo, terán a posibilidade de acudir a distintas demostracións, como a de elaboración dun chocolate nunha cociña solar, que logo poderán degustar.