O parque de Sotavento pecha o ano superando os 9.000 visitantes
No ano 2017 Sotavento superou os 9.000 visitantes aumentando os datos de afluencia do ano 2016. A media de visitas mensuais supera as 22 cunha duración media por visita de 4 horas. Os colectivos máis implicados volven ser grupos con carácter técnico seguidos por alumnos e alumnas de Secundaria e asociacións de todo tipo.
No balance do ano destaca a dirección do parque a participación na 9ª edición dos Premios Nacionais de Enerxía EnerAgen 2017. Avalados polas axencias españolas de xestión da enerxía asociadas en EnerAgen, estes premios buscan o recoñecemento das mellores actuacións de fomento e utilización das Enerxías Renovables e Uso Racional da Enerxía e Eficiencia Enerxética en todo o territorio nacional.
Nesta 9º edición, o " Plan Educativo Divulgativo de Sotavento" foi recoñecido cunha mención de honra na categoría de sensibilización e difusión das Enerxías Renovables e a Eficiencia Enerxética, sendo dita entrega na Axencia Provincial da Enerxía de Cádiz (APEC).
Outro fito para destacar no balance anual é a realización e posta en marcha da II Campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización que pretende achegar á cidadanía o contido do recibo eléctrico e consellos para aforrar no consumo de electricidade, unha campaña impulsada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e o Instituto Galego de Consumo, e realizada polo departamento educativo da Fundación Sotavento Galicia.
Tamén neste ano, realizouse unha remodelación da páxina web: www.sotaventogalicia.com. Os cambios introducidos actualizan a imaxe e capacidades da páxina incluíndo ademais unha nova e máis completa zona interactiva con numeroso material didáctico.
ANO 2018. Para este ano que vén de comezar, no apartado de actividades, o parque conta cun calendario de reservas completo e unha lista de espera de máis de 2.000 persoas. Ofrecendo a aqueles visitantes que non forman parte de grupos organizados os festivos e fins de semana para que poidan coñecer as instalacións baixo reserva previa.
Á marxe de manter a súa actividade habitual, as propostas de Sotavento para este ano que acaba de comezar pasan por dar continuidade á campaña Dálle Luz á Túa Factura, que no ano 2017 chegou a máis de 20.000 persoas, seguir coa súa actividade innovadora no ámbito da educación ambiental e a colaboración en proxectos de formación.