O parque dos Carbóns das Pontes obtén unha tregua antes do seu desmantelamento

TerraChaXa
A Xunta deberá indicar en poucos días se existen motivos culturais, históricos e sociais suficientes para declaralo Ben de Interese Cultural (BIC)
parque-dos-carbons-as-pontes
8 Feb 2026

Tras unha intensa tarde de negociacións, o alcalde das Pontes e tamén presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ordenou a paralización puntual da demolición do parque dos Carbóns. Esta orde supón dez días de prazo de suspensión das obras, á espera de que a Xunta, neste tempo, poida determinar se existen motivos culturais, históricos e sociais suficientes para declaralo Ben de Interese Cultural (BIC).

Esta actuación foi decidida en común acordo cos membros da Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes, que trasladaron ao alcalde a urxencia de conservar a estrutura despois de que Endesa iniciara os traballos de derrubo. Segundo denunciou a asociación Amigos das Pontes, os traballos comezaron sen aviso previo á veciñanza, sen debate público nin consenso institucional, coa caída dos primeiros arcos dunha infraestrutura considerada unha das maiores obras da enxeñería industrial do século XX.

O Parque de Carbóns non é un resto menor do pasado industrial, senón unha estrutura única a nivel mundial: trátase do maior espazo cuberto diáfano de España e do segundo do mundo, só superado polo hangar Airbus Jean-Luc Lagardère, en Francia. A súa cuberta de arcos pretensados sostiña unha superficie superior aos 96.000 metros cadrados, equivalente á capacidade de tres estadios como o de Riazor, e a súa solución técnica chegou a servir de referencia para outras grandes infraestruturas, entre elas o hangar do aeroporto de Madrid.

Para a asociación, esta actuación suporía unha perda irreparable do patrimonio industrial galego e un golpe á memoria colectiva dun territorio marcado durante décadas pola actividade enerxética.

A demolición resulta especialmente controvertida porque, malia o peche da mina en 2007 e da central térmica en 2023, a estrutura atopábase en bo estado de conservación, cun repintado recente e sen sinais de deterioro grave. Por este motivo, amplos sectores sociais e culturais consideran que o derrubo non responde nin a criterios de seguridade nin a unha estratexia real de transición ecolóxica, senón a unha decisión política que aposta pola vía máis rápida e destrutiva fronte á reutilización e resignificación do patrimonio industrial existente.

Nos últimos meses, Amigos das Pontes vén advertindo da urxencia de actuar para evitar a desaparición do Parque de Carbóns. A entidade presentou un escrito no Concello solicitando un acordo plenario que expresase o apoio institucional á defensa desta infraestrutura e que esa postura fose trasladada ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O obxectivo era situar a reutilización do Parque de Carbóns como unha prioridade estratéxica para o futuro do municipio, nun contexto de reconversión industrial e procura de novos motores económicos.

Neste sentido, a recente visita do experto Alfonso Muñoz Custa reforzou esta visión, ao alertar dunha destrución progresiva e, ao seu xuízo, irresponsable dun patrimonio singular que aínda estaba a tempo de ser recuperado con criterios técnicos e de sustentabilidade.

Ademais, Amigos das Pontes xa tiña solicitado formalmente á Xunta de Galicia a incoación do expediente para declarar o Parque de Carbóns Ben de Interese Cultural, así como a elaboración dun proxecto integral de reutilización financiado con fondos de Transición Xusta. A proposta incluía a creación dun centro de referencia nun antigo edificio de Endesa e a posta en marcha dun Comité de Transición Xusta das Pontes que permitise planificar de forma participativa o futuro das infraestruturas industriais e da contorna do lago. Esta medida foi apoiada de forma unánime polo Pleno da Corporación, nunha sesión extraordinaria convocada de urxencia.

⚙ Configurar cookies
0.081321954727173