O parque empresarial de Muimenta ampliarase

TerraChaXa
Planifican unha ampliación de preto de 145.000 m2 no parque empresarial de Muimenta, no concello de Cospeito
cospeito plan muimenta
4 Maio 2021

O parque empresarial de Muimenta, no concello de Cospeito, sufrirá un proceso de ampliación no que se investirán preto de 145.000 m2 distribuídos nun total de 54 novas parcelas.

O Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais recolle esta actuación, que suporá definir unha área empresarial para Muimenta e a súa comarca cunha superficie total de máis de 180.000 m2. Deste xeito, o Concello de Cospeito recibirá un pulo decisivo de cara ao futuro, tanto a nivel empresarial como laboral, tendo en conta que a ampliación prevista suporá practicamente cuadruplicar a superficie actual deste polígono.

O parque de Muimenta, que leva en funcionamento desde o ano 1999, conta cunha superficie de 37.000 m2 distribuídos en 22 parcelas que xa están vendidas, polo que a falta de superficie dispoñible xustifica a ampliación do mesmo, segundo explicou a conselleira.

A ampliación executarase en tres fases, para sumar en total case 145.000 m2. Na actualidade, xa se están a impulsar as obras relativas á primeira fase, licitadas no mes de febreiro por 1,3 millóns de euros e que suporán a construción de 15 novas parcelas de entre 700 e 1.525 m2.

O contrato, que se prevé adxudicar en xuño, inclúe o proxecto de urbanización, a electrificación, o alumeado público e a definición dun novo acceso ao parque para ordenar os tráficos procedentes da estrada LU-120. Tamén se definirán zonas verdes, estruturas viarias e mobiliario urbano para integrar e humanizar esta zona.

0.19400310516357