O párroco de Momán e Labrada impulsa unha protesta contra o gasto excesivo en iluminacións de Nadal

TerraChaXa
Critica “a escalada para ver quen aluma máis e mellor”, mentres —asegura— “moitas familias non teñen para pagar a luz nin para comer”
patino-cura-moman
2 Dec 2025

O párroco de Momán e Labrada, Luis Rodríguez Patiño, anunciou unha manifestación e unha recollida de firmas coa que pretende chamar a atención sobre o incremento de gasto dos concellos nas iluminacións públicas de Nadal, unha “escalada para ver quen aluma máis e mellor”, mentres —asegura— “moitas familias non teñen para pagar a luz nin para comer”.

A iniciativa dará comezo este domingo 7 de decembro, cando o sacerdote realizará unha denuncia pública en todas as misas, nun acto que define como “manifestación pacífica e simbólica”, co obxectivo de reclamar que os dereitos fundamentais das persoas estean garantidos durante as festas.

Ao remate das celebracións litúrxicas, os fieis atoparán follas de recollida de firmas nas entradas das igrexas, coas que o párroco busca trasladar ás administracións a esixencia de que prioricen as necesidades básicas fronte ao gasto ornamental.

Rodríguez Patiño considera “comprensible pero preocupante” a carreira pola mellor iluminación navideña, que contrasta —di— “cunha realidade que non se pode ignorar: hai xente que non pode asumir o pago da luz, que non ten vivenda segura ou que non ten asegurado algo tan básico como alimentarse”.

O sacerdote centra a súa reivindicación en catro áreas esenciais: comida, “para garantir o acceso a alimentos nutritivos a todas as persoas”; saúde, “con servizos accesibles e de calidade independentemente da situación económica”; vivenda, “para que ninguén viva con medo a un desafiuzamento”, e servizos básicos, “para que luz e auga sexan alcanzables para todos”.

“Si ao Nadal, pero non á conta do sufrimento ou abandono das persoas”, insiste o párroco, que chama á solidariedade e á empatía colectivas para que as festas non deixen a ninguén atrás.

Ademais da manifestación simbólica e da recollida de apoios, Rodríguez Patiño xa anunciou que contactará con outras organizacións sociais para sumar forzas e amplificar a mensaxe.

⚙ Configurar cookies
0.074348926544189