O pasado prehistórico da Mariña Oriental

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
As pegadas de antigos asentamentos na costa lucense son outros dos motivos que ofrece a comarca ao visitante e que paga a pena coñecer.
80968276_2748794061852277_2928032802303639552_n
15 Nov 2019

As pegadas de antigos asentamentos na costa lucense son outros dos motivos que ofrece a comarca ao visitante e que paga a pena coñecer. Moitos destes xacementos foron postos en valor polos propios veciños, nomeadamente profesores e membros de colectivos veciñais, que instaron ás administracións competentes a investigalos, como pasara co Castro das Grobas en Ribadeo, que foi obxecto dunhas primeiras catas, preto do faro de Illa Pancha.

O Marco de Pena Verde ou Pedra Fita, en Trabada, é outra desas señeiras pegadas que cabe divulgar e protexer na Mariña. Está na parroquia trabadense de Fórnea, e a os arqueólogos consultados din que polas medidas pode tratarse dun menhir, tamén dun marco xeográfico que sinala os lindes entre parroquias ou concellos ou ámbolos dous, pois moitos menhires foron aproveitados como marco.

Hoxe en día está a servir como lindeiro ou pedra de termo entre os concellos de Trabada, Ribadeo e Barreiros.

O achádego das Fadegas ou as pisadas do encanto como o chama o profesor Emilio Piñeiroa, é o primeiro petróglifo de Ribadeo e o primeiro podomorfo da Mariña. Está nas Anzas, na parroquia de  Cubelas. Este ben cultural foi incluido no inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio, co nome de As Fádegas.

No extremo sueste, da finca, á beira norte do Río Grande, hai un gran afloramento vertical de pizarra. Os motivos están nunha laxe plana, en disposición horizontal, situada ao pé do afloramento, entre este e o río. Nesta laxe identifícanse, cando menos, catro motivos que semellan podomorfos, dunha lonxitude media  duns 50 centímetros; dous deles están entre un motivo circular tipo cazoleta. Hai outro motivo indefinido, que parece unido a unha segunda cazoleta por unha liña. Os podomorfos están orientados no sentido da pendente da laxe, oeste – leste; segundo os propietarios da finca, a rocha forma parte dun camiño tradicional que discorría antigamente bordeando o río, polo cal circulaban bestas de carga.

Os motivos podomorfos e circulares, así como a laxe horizontal que lles sirve de soporte, non teñen asociada directamente, unha tradición de lendas. Sen embargo, segundo os donos da finca, o afloramento vertical, ao pé do cal se sitúan, si ten asociada unha tradición  referente ao encanto. Na noite de San Xoán, ábrese unha das penas verticais do afloramento, sae o Encanto, é dicir que captura e fai desaparecer definitivamente, a calquera que pase por alí; polo tanto, non é aconsellable pasar pola zona nesta data, unha zona que era un camiño habitual no resto do ano.

Nas Fádegas atópanse dous tipos de petróglifos, as pisadas e as cazoletas ou cazoliñas. As pisadas con forma de pé é un dos tipos de petróglifos máis intrigantes e menos estudados de Galicia. Nesta rocha hai representadas ao redor de 11 pegadas do pé.

Ao non ser unha ciencia exacta hai moitas opinións sobre o significado de estes simbolos. A idea máis xeneralizada é a veneración das divindades, espíritus ou xenios inmateriais, que escollen como lugar de fixación o cume dunha  montaña, as fontes, os camiños, as rochas..., que quedan consagrados como santuarios onde se da culto e que xustifican este tipo de inscripcións. Poden representar simplemente a boa sorte para a caza ou a búsqueda da fertilidade feminina.

Polo que respecta ás cazoletas son motivos rupestres moi frecuentes, en todas as épocas e latitudes. Nas Anzas hai dúas cazoletas de 12 e 16 centímetros de diámetro.

As hipótesis existentes sobre a funcionalidade das cazoletas son múltiples, entre elas que as cazoletas poderían haber sinalado un espazo sagrado prehistórico, que son recipientes para ofrendas ou lugares para recoller a chuvia vinculada ó mundo ritual. Tamén poden ser símbolos de carácter sexual femenino, receptáculos de sacrificios, poden representar cartografías, de constelacións e terrestres e mesmo calendarios austrais.

0.18940806388855