O pavillón de Guitiriz estrea un chan totalmente renovado
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, participaron na inauguración da nova superficie do Pavillón Polideportivo Municipal de Guitiriz, situado na parroquia de San Xoán de Vilagostelle. O chan, totalmente renovado cunha achega de 80.000 euros do organismo provincial, adecuouse á práctica de fútbol sala, baloncesto, balonmán, tenis, voleibol e outras disciplinas deportivas de interior. Ao rematar as intervencións os rapaces das escolas deportivas de Guitiriz continuaron coa súa xornada, disputándose dous partidos, un de cadetes e posteriormente un de infantís.
Campos conde explicou “esta actuación beneficia a máis de 200 usuarios, especialmente rapaces e rapazas en idade escolar que participan no programa das escolas deportivas do municipio, que actualmente contan con 150 integrantes. Consideramos que investir en deporte tamén é investir en benestar o deporte base é fundamental para a promoción dunha vida activa e de hábitos de vida saudable”.
Campos Conde subliñou “dotamos aos veciños da provincia, independentemente do lugar no que residan, de instalacións deportivas de calidade como parte do noso compromiso por unha Deputación coas persoas, social e rural, repercutindo no desenvolvemento dos concellos rurais”.
Os traballos de mellora do pavimento consistiron na substitución da antiga superficie, moi deteriorada e fóra dos parámetros esixidos pola normativa vixente, por unha nova de tarima de madeira. As obras executadas adecuaron a superficie para a práctica deportiva, coa instalación dunha base aereaelástica prefabricada específica para instalacións de interior, acorde coas exixencias das distintas disciplinas deportivas existentes no municipio.