O pavillón de Meira acolle un encontro solidario de baloncesto mixto a favor do Banco de Alimentos

TerraChaXa
Ademais, a organización comprométese a realizar unha achega adicional en quilos de alimentos, equivalente á suma total dos puntos anotados polos dous equipos
partido-baloncesto-solidario-meira
30 Dec 2025

O pavillón municipal de Meira será escenario este venres dun partido amigable de baloncesto mixto cun marcado carácter solidario. A iniciativa busca recoller alimentos non perecedoiros que posteriormente serán entregados ao Banco de Alimentos de Lugo.

O evento, promovido polos clubs CB Vila de Meira e CB do Lea de Castro de Ribeiras de Lea, enmárcase baixo o lema Amigable Solidario Mixto pola Igualdade e aposta tanto pola colaboración social como pola visibilización do deporte inclusivo.

Durante o desenvolvemento do encontro levarase a cabo a recollida de produtos básicos. Ademais, a organización comprométese a realizar unha achega adicional en quilos de alimentos, equivalente á suma total dos puntos anotados polos dous equipos ao remate do partido.

A xornada solidaria complétase coa entrega de rifas para participar no sorteo dunha cesta de Nadal. Cada quilo de alimentos doado dará dereito a unha participación, grazas á colaboración de diversos establecementos e entidades locais, así como de Merca Más Autoservicio Meira, que achega a cesta.

Con esta actividade, Meira volve amosar o seu compromiso coa solidariedade e o apoio ás persoas que máis o precisan, unindo deporte e acción social nun mesmo evento.

⚙ Configurar cookies
0.077887058258057