O Pazo de San Marcos acolle “Bestiarium”, a singular mostra das razas autóctonas

TerraChaXa
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este xoves, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, a mostra “Bestiarium” que se exhibe por primeira vez en Galicia e que ten como obxectivo dar a coñecer as razas autóctonas de todo o territorio nacional de orixe domestico, así como resaltar a súa importancia no mantemento do noso patrimonio rural.
Darío Campos na inauguración da exposición 'Bestiarium' no Pazo de San Marcos.
28 sep 2017

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este xoves, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, a mostra “Bestiarium” que se exhibe por primeira vez en Galicia e que ten como obxectivo dar a coñecer as razas autóctonas de todo o territorio nacional de orixe domestico, así como resaltar a súa importancia no mantemento do noso patrimonio rural. Estará aberta ata o día 25 de outubro.

Neste acto, estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o Secretario de Federapes, José Ramón Justo Feijóo, e o fotografo José Barea, ademais doutras autoridades. Campos Conde sinalou que “o Goberno da Deputación colabora con esta iniciativa para contribuír a resaltar o importante patrimonio xenético co que contamos, ademais serve para dar a coñecer animais de toda a xeografía e destacar a súa importancia no mantemento do noso patrimonio rural. Creo que debemos sentirnos moi orgullosos de ser dunha provincia 100% rural, e presumir moito máis delo, como facemos dende o Goberno da Deputación, con esta exposición”.

O Presidente remarcou a importancia do sector primario na nosa provincia. “Unha das miñas máximas é facer desta institución unha Deputación co rural; unha administración que traballa en defensa dos intereses dos veciños dunha provincia 100% rural, como a de Lugo. Creo que debemos aproveitar a riqueza natural que temos na nosa provincia, e axudar, dende as administracións públicas, aos profesionais do sector a facelo, para, conxuntamente, contribuír ao desenvolvemento económico e sostible dunha provincia eminentemente rural, como a nosa”, resumiu.

60 fotografías
Jose Barea comezou este proxecto no ano 2009 percorrendo miles de quilómetros por todo o territorio, co que busca a partir de impactantes imaxes a mirada cómplice dos animais propios de cada zona. Bois, cabras, porcos, galos, galiñas, ovellas, cabalos e vacas de todo o territorio español son os protagonistas destas 60 fotografías. Segundo o propio autor, Bestiarium é un conxunto de singulares primeiros planos que nos mostran os animais exentos, desposuídos do seu hábitat natural, como únicos protagonistas dun proxecto que convida á reflexión sobre o distanciamento, cada día maior, entre o mundo rural e o urbano. Esa progresiva desaparición das nosas vidas fai que os vexamos como auténticos estraños. Na actualidade hai 158 razas autóctonas de orixe domestica e gandeira en España, e delas, máis do 80% están en perigo de extinción.

Razas autóctonas galegas
Nesta exposición poden verse dende a galiña de Mos, vacas de raza cachena, limiá, frieiresa, vienesa, o porco celta, a ovella e a cabra galega, ou o can de palleiro, todos eles, contribúen a sostibilidade da nosa paisaxe.

0.1829080581665