O Pedregal de Irimia acollerá a XIV Festa de Afirmación e Dignidade o 21 de setembro

Este domingo celebrarase no Pedregal de Irimia, en Meira, a XIV Festa de Afirmación e Dignidade. A cita dará comezo ás 12:00 horas cunha lectura participada en común do manifesto elaborado por Mero, á que seguirán as intervencións de distintas asociacións como ADEGA e Madia Leva, ademais da lembranza ao poeta meirego Avelino Díaz.
Posteriormente, Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá darán a coñecer os méritos das persoas galardoadas coa “Man da Irmandade”, unha obra do artista Manuel Pardo. Nesta edición, a distinción será entregada á familia de Xosé Francisco Domínguez Martínez e a Silvestre Gómez Xurxo, en recoñecemento á súa loita en defensa da lingua, da cultura e dos dereitos lingüísticos, así como polo exemplo de coherencia, respecto e dignidade.
O programa inclúe tamén a participación musical do gaiteiro nubieiro Raúl Galego, entre outras actuacións espontáneas que poidan xurdir. A xornada completarase cun xantar de irmandade na Casa Cazoleiro, cun menú que incluirá xamón, empanada de Meira e carne de tenreira asada, ademais de sobremesas, bebidas e café. O prezo será de 35 euros e é preciso reservar con antelación antes do mércores 17 de setembro a través do teléfono 646 41 38 90.
A organización corre a cargo da Irmandade Manuel María e Xermolos, coa colaboración do Concello de Meira.