O peirao vello de Viveiro conta cun aparcadoiro
O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro destaca que a apertura do aparcamento habilitado polo Goberno galego no peirao vello “atende a unha gran demanda social e comercial” derivada da “falta de capacidade do Goberno local por ofrecer alternativas de aparcamento na zona”.
É máis, dende o Grupo Municipal do Partido Popular viveirense sinalan que “as actuacións da Xunta, que ofrece máis 300 prazas de aparcamento gratuíto en pleno centro da cidade en terreos da súa competencia, contrastan coas do Concello, que cobra por aparcar tanto no párking coma na zona Ora”, lamentan.
Os populares poñen en valor, polo tanto, “o investimento de 124.600 euros do Goberno galego para dar remate ao derrubo das últimas catro naves portuarias sen actividade que quedaban na zona e o acondicionamento da explanada”. Isto permite “dar un paso máis no proceso de recuperación da fachada marítima de Viveiro tal e como se comprometera o PP”.
Os edís populares de Viveiro comprométense a “seguir traballando e liderando actuacións para a zona co obxectivo de mellorar a fachada marítima coa colaboración da Xunta de Galicia”.