O Pepe Barrera acolle o día 30 o Trofeo Emma Cuervo

TerraChaXa | AMariñaXa
O Pepe Barrera de Ribadeo acolle o día 30 o Trofeo Emma Cuervo. Arredor de 300 persoas poderán asistir ao encontro
23 Dec 2020

Viveiro e SD Compostela disputarán o LXIX Trofeo Emma Cuervo o vindeiro 30 de decembro. Arredor de 300 persoas poderán asistir ao encontro que foi presentado  no Concello. No acto participaron, entre outros,  o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, e o presidente do Ribadeo FC, Pedro Posada. 

O presidente do club organizador anunciou que “o trofeo celebrarase o día 30 de decembro ás catro da tarde no estadio Pepe Barrera, entre os equipos de Viveiro CF e a Sociedade Deportiva Compostela. É a 69 edición e non é unha data especialmente importante para facer o partido, mais era prioritario que non pasara o ano 2020 sen que fixéramos unha nova edición. Era moi importante para a nova xunta directiva celebrar o trofeo aínda que sexa nunha data pouco frecuente porque, como sabemos todos, se celebra xeralmente no mes de agosto”.

Pedro Posada engadiu que “este ano contamos con estes dous equipos porque o Ribadeo era a nosa prioridade pero, como sabemos por unha nota oficial do Ribadeo FC, que este equipo non conta con protocolo para a competición e tampouco ten dilixenciadas as fichas dos seus xogadores, co cal o Ribadeo non sería unha solución oficial válida. De aí que tivemos sempre a colaboración do Viveiro CF e tamén da Sociedade Deportiva Compostela aos que temos que agradecer a súa colaboración desinteresada, o que temos que valorar na súa medida. Este ano, nos prolegómenos do partido, vaise entregar ao Viveiro, por parte do presidente da Federación Galega de Fútbol, o trofeo como campión da pasada liga da Rexional Preferente”.

Pedro Posada dixo: “agardamos que de Viveiro veña moita xente ademais dos siareiros de Ribadeo e máis os socios do noso club. Temos calculado un aforo de preto de 300 persoas, teñen preferencia os socios do Ribadeo para facerse cunha entrada do partido. Nas redes sociais do club xa puxemos que poden adquirse no bar Queimada, no Rincón del Gordo e no Lar de Manolo”.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, manifestou que “de parte do Concello, como todos os anos, imos colaborar neste trofeo emblemático que leva con este 69 anos facéndose. Como sempre imos da man co Ribadeo FC, que é o organizador do evento. É unha data especial porque é un ano diferente, distinto a todos os anteriores e non se quería perder esta edición. O Ribadeo insistiu en procurar que se realizase, e aí seguimos o Concello apoiando este trofeo para que perdure moito máis no tempo”.

O edil ribadense fixo fincapé en lembrarlles aos asistentes a necesidade de empregar máscara e de hixienizar as mans: “pedimos á xente que acuda, que polas circunstancias non vai poder ser moita, que manteña as distancias, que sexa prudente e que teña á súa disposición as armas coas que loitamos contra o covid como as mascarillas e os dosificadores de xel hidroalcohólico. E desexar que neste encontro entre o Viveiro e o Compostela que gañe o mellor”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17191100120544