O persoal da Estación de Servizo de Guitiriz maniféstase contra a empresa
O persoal da estación de servizo de Guitiriz en dirección á Coruña manifestouse este venres e volverá facelo o luns en protesta polo despedimento dun compañeiro.
Segundo informan os traballadores a chegada de Galpgest á dirección das estacións de servizo de Guitiriz na A-6 veu implementar un sistema de modificacións e incumprimentos sobre a sucesión de empresas xerada. Aseguran quea empresa vén de impoñer "sancións inxustificadas, así como un despedimento que unicamente persegue atemorizar ó persoal, mediante a imposición de sancións exemplarizantes".
En resposta a esta situación o persoal deste centro de traballo reclamou públicamente o venres a readmisión do compañeiro despedido en primeiro lugar e, seguidamente, o cese de hostilidades e represións desta empresa. concentración volverá realizarse o luns 17, de novo ás 17.00 horas.
"O persoal de Galpgest damos a mellor atención posible os nosos clientes, pois é a mellor garantía para a defensa do emprego, mais tamén temos dereito á dignidade e consideración como persoas traballadoras", afirman.
"Por este motivo vémonos na obriga de realizar esta campaña de información e sensibilización coa causa do noso persoal, diante deste ataque ós dereitos do persoal e que está a ser unha estratexia empresarial para precarizar o sector e responder os baixos estímulos dun sector afectado polo encarecemento dos prezos dos combustibles, algo intolerable na actualidade", conclúen.