O persoal da recollida do lixo e a limpeza viaria das Pontes maniféstase ante o Concello

Persoal do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria das Pontes concentrouse este mércores diante do Concello, coincidindo coa celebración do pleno municipal, para reclamar axilidade na elaboración dos novos pregos e unhas condicións laborais e salariais dignas. Aproveitando a sesión plenaria, o persoal tamén accedeu ao interior da casa consistorial para escoitar a resposta do Concello a unha pregunta sobre a situación do servizo.
O responsábel da CIG nas Pontes, Hixinio Adega, lembra que o contrato está prorrogado e o persoal “está co convenio de 2020, cos salarios sen actualizar e en condicións precarias”. Subliña que xa transcorreu o ano de prórroga prevista no contrato polo que a empresa concesionaria, Valoriza, vai ao prezo máximo da licitación “pero négase a sentar a negociar a renovación do convenio, escudándose precisamente en que está en situación de prórroga”.
Pero ademais, engade Adega, tamén están pendentes de resolver en vía xudicial outros incumprimentos da empresa relativos ao pago de atrasos ou á antigüidade.
Por iso, os traballadores e as traballadoras do servizo reclámanlle ao Concello axilidade na licitación do novo contrato, “xa que até o momento o único que sabemos, e sen confirmación oficial, é que o Goberno se puxo en contacto cunha empresa externa para que elaborara os pregos, pero sen concretar ningún tipo de prazos”.
Neste contexto, avanza que conflitividade irá en aumento se non hai solucións urxentes.