O persoal de Einsa Print realiza unha nova concentración o día do xuízo de impugnación do ERE

Os traballadores e traballadoras de Einsa Print continuaron este xoves co calendario de mobilizacións en defensa dos seus dereitos e para denunciar a fraude do ERE aplicado pola empresa. Desta volta a protesta realizouse diante da Casa do Concello das Pontes precede á mobilización que o persoal realizará o 23 de outubro en Madrid, ás 10h, coincidindo co xuízo de impugnación do ERE na Audiencia nacional.
Máis alá do persoal directamente afectado polos despedimentos, na protesta púxose enriba da mesa o impacto laboral e social que a decisión de Einsa ten nunha localidade tan castigada pola desindustrialización como As Pontes. Por iso, demandaron o apoio da Corporación local ás súas reivindicacións na defensa do dereito ao emprego e para que se respecten os dereitos das traballadoras e traballadores.
Vicente Vidal, da CIG-Industria de Ferrol, lembrou que Einsa Print presentou o ERE cando estaba vixente un acordo de garantía de emprego asinado na negociación do anterior ERE de 2024. Un acordo que a empresa non só incumpriu senón que toda a formulación do novo expediente foi unha fraude “e a foi a propia empresa a que provocou as causas para xustificar a medida”.
A "mala fe" da dirección, sinalou, evidénciase no feito de que no medio das negociacións, mentres se negaba a facilitar documentación esencial, Einsa Print solicitou a baixa do imposto de actividades económicas.
“A súa intención en todo momento foi cesar a actividade de artes gráficas e dedicarse a outros negocios que ten o grupo empresarial”, denunciou. De aí, engadiu Vidal, que o período de consultas rematara sen acordo e que se acordara impugnar o despedimento colectivo, cuxo xuízo na Audiencia Nacional está fixado para o vindeiro 23 de outubro “e no que intentaremos desmontar todo o ERE”.