O Pescados Rubén masculino, bicampión de Galicia

TerraChaXa | AMariñaXa
9 Xan 2021

Os pupilos de Juanma Marrube xa son bicampións irmandiños. O Pescados Rubén Burela FS alzouse co título da Copa Galicia Masculina, por segunda vez na súa traxectoria, tras impoñerse con solvencia esta tarde en Narón ao Noia Portus Apostoli (5-2). O presidente da RFGF, Rafael Louzán, acompañado polo vicepresidente da RFEF, Pablo Lozano, fixo entrega do trofeo ao capitán Edu, para escribir con letras de ouro este sábado 9 de xaneiro como un día histórico para toda a Familia Laranxa, completanto a xornada que comezou o Pescados Rubén Burela FS pola mañá en Vista Alegre conquistando a Supercopa de España Feminina.

Buscaron sorprender os de Marlon Velasco con Antonio Diz como referencia; no primeiro recibimento fronte a Edu fóiselle fóra, pero na seguinte acción conseguiu adiantar o Noia, recollendo (minuto 6) un pase dende a banda tras a pugna con David Pazos. Isto serviulles aos da Mariña para reaccionar e foi precisamente o 20 mariñán o seguinte en poñer a proba a Álex Pérez cun potente mísil; tentouno tamén Lucho e foi o desquite dos irmáns o que fixo acto de presenza á terceira, pola mesma banda, cun disparo cruzado de Álex Diz que deixou no chan a Luisma e Álex Pérez. Os de Juanma Marrube buscaron a verticalidade, metendo unha marcha máis, e comezaron a recoller os seus froitos para distanciarse con comodidade. Tras a iniciativa do electrónico no 14 a través de Quintela, empurrando maxistralmente o disparo do de Ames, os pupilos de  Juanma Marrube ampliaron ata o 4-1 en tan só dous minutos, co propio David Pazos nunha perda noiesa e máis tarde con Javi Rodríguez, ao segundo pau de Pitero. Unha das mellores para o Noia tívoa Antonio Diz, gañando o man a man fronte a Iago Míguez, pero non puido controlala ante Edu e fóiselle fóra. O quinto laranxa volveu ter sinatura de Pazos, tras o pase de Quintela e a paciencia de Iago Míguez para cederlla ao 20 burelista. A rede noiesa tremeu e moito nos últimos compases da primeira parte con dúas magníficas oportunidades nas zapatillas de Iago Míguez, desartellada entre Álex e Pope, e de Quintela ao traveseiro.

Souberon xogar co marcador a favor os laranxas. Noia pelexou por reducir distancias cun bo regreso, ante a solidez de Edu, que soubo como frear as intencións primeiro de Raggiati e máis tarde de Armando e Pope; Antonio Diz tamén se estrelou contra o pau. Giasson e Renato protagonizaron as máis perigosas dos do Mariskal, ao pau, para subir o sexto. O Pescados Rubén tiña una vantaxe ampla e pouco a pouco o encontro cobrou certa desorde, con continuas idas e voltas. Loitou o Noia, con sete minutos por diante, polo acerto sobre a rede con Javaloy e respondeu do mesmo xeito Juanma Marrube, con Javi Rodríguez como abandeirado, para manter a posesión. Aínda a tivo Giasson a porta baleira en despexe no 34; no entanto, o sexto non chegou. A portería laranxa resistíuselles aos de Marlon Velasco; tan só foron capaces de acurtar distancias falta de tres para o final, con Rangel aproveitando unha perda de cinco para catro de Burela, para o definitivo 5-2. 

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Matamoros, Renato, Giasson, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, Quintela, Álex Diz, David Pazos, Pitero, Javi Rodríguez,

Noia Portus Apostoli FS: Álex Pérez, Luisma, Pope, Rangel, Naranjo, cinco incial; tamén xogaron Antonio Diz, Javaloy, Armando, Lluc, Pirata, Rivera, Asensio, Raggiati,

Goles: 0-1, minuto 6, Antonio Diz; 1-1, minuto 8, Álex Diz; 2-1, minuto 14, Quintela; 3-1, minuto 15, David Pazos; 4-1, minuto 16, Javi Rodríguez; 5-2, minuto 37, Rangel

Árbitros: Martínez Torres // Darriba Villamor. Por Burela amarela para Lucho, Quintela. Por Noia amarela a Antonio Diz

Incidencias: Partido correspondente á final de XXIX Copa Galicia disputado no pavillón da Gándara de Narón. Edu recibiu o Trofeo Mellor Xogador MVP Concello de Narón da alcaldesa, Marián Ferreiro. O noiés Pirata foi recoñecido como Mellor Xogador MVP Munich.

0.20681405067444