O PIB galego baixou un 3,6% no primeiro trimestre por mor do covid-19

TerraChaXa
O PIB de Galicia baixou no primeiro trimestre do ano un 3,6% en taxa interanual por mor do efecto negativo da covid-19 sobre a maioría dos compoñentes da oferta e da demanda, segundo reflicten as Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
c073eb18ef43cc44b7d48f54470363a4
1 Xuño 2020

O PIB de Galicia baixou no primeiro trimestre do ano un 3,6% en taxa interanual por mor do efecto negativo da covid-19 sobre a maioría dos compoñentes da oferta e da demanda, segundo reflicten as Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Este descenso é medio punto inferior ao rexistrado no conxunto de España (-4,1%), tal como xa avanzou o mes pasado o Instituto Nacional de Estadística (INE).

En canto á taxa trimestral –é dicir, a evolución da economía en comparación co cuarto trimestre do ano 2019-, o IGE estima que o PIB galego rexistrou un descenso do 4,9%. Esta baixada é tamén inferior á rexistrada pola economía española no mesmo período, que segundo a estimación realizada polo INE foi do 5,2%, tres décimas máis.
Desde o punto de vista da demanda, no primeiro trimestre do ano o gasto en consumo final diminuíu un 4,4% en comparación co mesmo trimestre de 2019, mentres que a formación bruta de capital retrocedeu un 7,1%, o que provocou que a achega da demanda interna –en termos nacionais- sexa do -5,1 puntos.

En canto á demanda externa, os datos do IGE indican que as exportacións de bens e servizos diminuíron un 2,7% e as importacións de bens e servizos caeron tamén un 5,1%. A contribución do sector exterior ao crecemento do PIB galego é de 1,5 puntos.

Sectores
No que respecta á oferta, a industria foi o único sector que rexistrou crecemento, cun crecemento do 0,7% sobre o primeiro trimestre de 2019. Pola contra, o sector da construción retrocedeu un 8,9% e o sector servizos baixou un 3,7%, cunha maior afectación nas actividades máis afectadas polo cese de actividade na segunda quincena de marzo, especialmente o comercio, transporte e hostalería (-9,8%) e as actividades artísticas e recreativas (-9,5%). En canto ao sector primario (agricultura, silvicultura, gandería e pesca) descendeu un 1,1%.

Finalmente, as Contas económicas trimestrais do IGE mostran que o emprego -medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- diminuíu un 1,3% no primeiro trimestre. As ramas de actividade nas que máis se reduciu o emprego foron as actividades artísticas, recreativas e outros servizos (-5,0%), e a construción (-4,3%).

0.19100499153137