O PIE da Pontes logra a inserción laboral de 37 dos 74 alumnos que participaron

Esta mañá celebrouse na Casa Dopeso o acto de clausura do VI Programa Integrado de Emprego (PIE) impulsado polo Concello das Pontes, en colaboración cos Concellos da Capela e As Somozas, e subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, co apoio do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e a cofinanciación das tres entidades locais.
Durante o acto, no que se fixo entrega dos diplomas ás persoas participantes, contouse coa presenza da representación dos Concellos responsables, da Delegación Territorial da Xunta de Galicia, así como o equipo técnico, profesorado, e representantes das empresas colaboradoras, que acolleron prácticas formativas non laborais.
O PIE 2024-2025 contou coa participación de 111 persoas desempregadas, das cales 74 completaron todas as fases da formación, e 37 xa están actualmente inseridas no mercado laboral.
Ana Pena, concelleira de Emprego, destacou que “estas cifras confirman o bo funcionamento do programa e o compromiso das persoas participantes. Superar o 50% de inserción laboral é un éxito colectivo e anímanos a seguir apostando por este modelo de formación e acompañamento cara o emprego”.
“Este programa non só ofrece coñecementos técnicos, senón que axuda a recuperar a confianza, a trazar un itinerario personalizado de inserción e a poñer en valor o talento local”, engadiu.
Nese sentido, o Concello das Pontes destaca a importancia destes programas como ferramenta eficaz para mellorar a empregabilidade das persoas en situación de desemprego, especialmente aquelas con maiores dificultades de inserción, e agradece a implicación de todas as entidades colaboradoras, persoal técnico e participantes que fixeron posible o éxito desta edición.
Desde o goberno local avánzase a intención de continuar apostando por este tipo de iniciativas, que permiten xerar oportunidades reais de formación, capacitación profesional e acceso ao mercado laboral, contribuíndo activamente ao desenvolvemento socioeconómico da comarca.
Formación de calidade e acompañamento integral
Durante os 12 meses de duración do programa, executáronse na súa totalidade as 16 accións formativas previstas, das incluídas no Catálogo de Especialidades Formativas do SEPE, cabe destacar os cursos de Monitor/a de tempo libre, carpintería metálica, limpeza de instalacións industriais, entre outras.
Tamén se impartiron 10 sesións grupais de formación laboral, superando as 8 inicialmente planificadas sobre igualdade de oportunidades, competencias dixitais básicas e accións de creación de currículum e procura activa de emprego.
Ademais, 18 persoas realizaron prácticas non laborais en empresas locais, superando o requisito establecido na normativa do Programa. As empresas colaboradoras foron: A Xanela, Picariños S.L., Limpiezas y Mantenimientos Ecovapor S.L., Allied Steel Internacional S.L. e Severiano Agrocomercial S.L.U.
Para facilitar a asistencia e garantir a igualdade de oportunidades, o programa ofreceu bolsas de asistencia de 10 euros por día, así como apoio económico para o coidado de persoas menores de 3 a 12 anos. No período comprendido entre febreiro e xullo, aboáronse un total de 13.590 euros en bolsas ao alumnado.
O orzamento do Programa Integrado é de 175.000€ euros, dos cales 140.000 euros son aportados pola Consellería Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servicio Público de Empleo Estatal, e 35.000 euros polas entidades locais.