O plan de mobilidade urbana fará unha Vilalba camiñable, conectada e próxima
A poboación valorou positivamente as medidas de mellora de accesibilidade e de promover os desprazamentos de modo sustentable.
O Concello de Vilalba avanzou os resultados do Estudo de Mobilidade e Espazo Público (EME) e da enquisa realizada dende o 21 de setembro, ao 19 de outubro do 2020.
Neste senso, realizaronse 322 enquisas e ademais fixéronse traballos de campo para coñecer os desprazamentos que a veciñanza fai a diario tanto dentro do propio Concello como a outros da contorna, a ocupación dos aparcadoiros, os problemas de seguridade viaria e a configuración das rúas, as carencias na accesibilidade ou os problemas que conducen á degradación ambiental.
Os resultados deste estudo amosaron que a maior parte dos desprazamentos no interior da vila, é dicir, son curtos, abranguen un 60%, o 20% son entre parroquias e o centro, un 5% son desprazamento interparroquiais e por último un 15% son entre concellos. De estes datos case un 62% fanse en coche, 34% a p, e un 2% en bicicleta.
"A idea deste estudo é que a arteria principal de Vilalba, a rúa Pravia e que ten unha saturación de vehículos importante, non conte con tanto tráfico e poidamos desvialo a outras zonas para asó fomentar os desprazamentos a pé no casco urbano", dixo a tenente alcalde e concelleira de Políticas Sociais, Economía e Facenda e Comercio, Marta Rouco.
Así mesmo, Rouco destacou que "a accesibilidade é algo fundamental para nós e con este estudo dímonos conta de que tan só unha cuarta parte das rúas da vila cumpre os criterios de accesibilidade", engadiu, "temos unha poboación envellecida o que provoca os desprazamentos en coche ao casco urbano".
"Temos que aproveitar os fondos aos que poderemos optar froito da descarbonización, poñer en valor o Camiño de Santiago, e fomentar o uso compartido do vehículo", rematou dicindo a tenente alcalde.
En xeral, a poboación valorou positivamente as medidas de mellora de accesibilidade e de promover os desprazamentos de modo sustentable.
Por outra banda, o concelleiro de Economía, Facenda, Infraestruturas e Urbanismo, Luis Fernández Álvarez, explicou a estratexia a seguir, "este Plan de Mobilidade foi un dos obxectivos marcados dende o principio debido ás recentes normativas europeas. É un plan que define tamén a tipoloxía de árbores, de mobiliario urbano, de alumeado, etc.", dixo.
"A estratexia terá tres puntos, Vilalba camiñable, Vilalba conectada e Vilalba próxima. Na camiñable fomentarase o uso de percorridos peonís e de creación de camiños máis seguros e saudables, así como a humanización da rúa Calvario, das Pedreiras, Conde Pallares, Pravia e Galicia", informou Fernández Álvarez.
A extensión da rede peonil interna creará unha rede exterior que integre o Camiño de Santiago, o Muíño do Rañego, o paseo dos Condes, a Madalena e o paseo Fluvial.
Coa Vilalba conectada haberá cambios no modelo circulatorio creando zonas seguras para os colexios, melloras á accesibilidade e melloras na calidade ambiental. O que contribuirá a reducir de emisións de CO2 e fomentará os hábitos saudables.
No tocante a Vilalba próxima cambiarase o modelo de aparcamentos creando un anel perimetral de estacionamento para a redistribución das prazas.
Trátase en resumo dun estudo redactado en atención á realidade de Vilalba, o cal plantexa alternativas viables para a mellora da calidade de vida dos residentes e a súa potenciación como centro de referencia comarcal.