O Plan Hurbe investirá na urbanización da contorna do club fluvial de Friol

TerraChaXa
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello lucense de Friol co fin de acometer unha serie de obras de edificación e urbanización na contorna do club fluvial, unha instalación pública e aberta a toda a veciñanza que leva máis de 40 anos en funcionamento.
WhatsApp Image 2020 01 02 at 14.49.14
3 Xan 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello lucense de Friol co fin de acometer unha serie de obras de edificación e urbanización na contorna do club fluvial, unha instalación pública e aberta a toda a veciñanza que leva máis de 40 anos en funcionamento. Así o acordaron a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde José Ángel Santos coa sinatura dun acordo de cooperación en virtude do cal a Xunta se compromete a asumir o 70% do custo da actuación e o concello, a achegar o 30% restante. Concretamente, a Consellería aportará 523.081,84 euros na anualidade de 2020 e o municipio, outros 224.259,77 euros.

A Xunta de Galicia é consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dinamizar determinadas zonas. Neste sentido, os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como factor dinamizador para o desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais da contorna.

Concretamente, as obras previstas en Friol –cun custo total inicialmente estimado en case 750.000 euros- consistirán nunha renovación integral do edificio central e das dúas piscinas exteriores, unha de adultos e outra infantil, que ten o recinto. Ademais, tamén se urbanizará parte da contorna da praia fluvial, localizada nunha das marxes do río Narla.

Con este tipo de actuacións, como lle trasladou a conselleira ao rexedor, dáse cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas, como parte da identidade de Galicia. Nesta liña, subliñou que a Xunta é consciente da importancia de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que, coma este, buscan mellorar e potenciar espazos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certos espazos.

Ademais, lembrou que este tipo de colaboracións para poder intervir sobre equipamentos urbanos tamén son un instrumento eficaz para axudar a frear o despoboamento do rural, xa que potencian as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, melloran o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.

Actuacións do Plan Hurbe 2010-2019
A obra no Concello de Friol, que en breve sairá a licitación pública, enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Grazas a este programa, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios da comunidade. E neste ano 2019 xa se asumiron preto de 90 novos compromisos que mobilizarán un total de 12,9 millóns de euros para a execución de proxectos urbanísticos nos concellos galegos.

Neste sentido, cómpre lembrar que nos orzamentos da Xunta do ano 2020 tamén hai reservados 6,5 millóns de euros para realizar actuacións urbanísticas a nivel municipal, como poden ser a mellora de contornos urbanos ou dos equipamentos municipais.

0.20656180381775