Aprobado un novo Plan Marco dirixido á mellora dos camiños rurais
O día 10 de febreiro publicouse no DOG a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se aproba o Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, co obxectivo de seguir traballando na mellora das infraestruturas rurais. Así, a Consellería achegará case 12 millóns de euros que se xestionarán a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), distribuídos en dúas anualidades de case 6 millóns de euros cada unha.
A finalidade do plan, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), é darlle un pulo ás condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais. Co arranxo deses camiños, a Xunta contribúe á vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo e mellorando a capacidade organizativa desas áreas.
As achegas van destinadas a facilitarlles aos Concellos galegos a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a parcelas agrícolas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, como o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.
Para dar servizo a cada unha das localidades da comunidade, establecéronse uns criterios de distribución das asignacións económicas previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie, ao peso do agro en cada municipio, así como ao grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% da contía para aqueles concellos fusionados.
Por provincias, as asignacións quedan do seguinte xeito: 3,7 millóns de euros son para A Coruña, 3 millóns para Lugo, 2,7 millóns para Ourense e 2,4 millóns de euros para a provincia de Pontevedra. Pódense consultar por Concellos nesta ligazón.
Os consistorios teñen de prazo para presentar as súas solicitudes de axuda un mes. Deben facelo exclusivamente por medios electrónicos, cubrindo previamente o formulario accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e a páxina web da Agader, agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda.