O Plan Sismigal recomenda plans municipais fronte a terremotos en seis concellos galegos

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Galicia sitúase nunha zona de risco sísmico moderado dentro da Península Ibérica pero as recomendacións céntranse en Negueira de Muñiz, Ourol, Muras, Ribeira de Piquín, Chandrexa de Queixa e Parada de Sil
terremoto
20 Dec 2025

O Diario Oficial de Galicia recolle o acordo do Consello da Xunta polo que se aproba a actualización do Plan especial de Protección Civil ante o risco de terremotos en Galicia, coñecido como Sismigal. O documento pode consultarse na páxina web da Consellería de Presidencia, así como na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e nos servizos de emerxencias dos distintos departamentos territoriais.

A revisión do plan inclúe unha nova análise do risco sísmico e da vulnerabilidade das edificacións, que leva á Xunta a recomendar a elaboración dun plan municipal específico de actuación preventiva ante posibles seísmos en seis dos 313 concellos galegos. Trátase de Negueira de Muñiz, Ourol, Muras e Ribeira de Piquín, na provincia de Lugo, e de Chandrexa de Queixa e Parada de Sil, en Ourense, que presentan unha vulnerabilidade considerada alta. En todo caso, o estudo conclúe que ningún concello está obrigado legalmente a elaborar este tipo de plan.

Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional, Galicia sitúase nunha zona de risco sísmico moderado dentro da Península Ibérica. A máxima intensidade previsible recollida no Sismigal é de grao VI-VII na escala macrosísmica europea, o que suporía danos lixeiros ou moderados nos edificios. Case 190 concellos da comunidade encádranse nesta categoría, entre eles 61 da provincia de Pontevedra, arredor de 60 de Ourense, 36 de Lugo e 31 da Coruña.

O documento non só analiza o risco sísmico, senón tamén a vulnerabilidade, tendo en conta factores como a tipoloxía construtiva, a antigüidade do parque inmobiliario e a calidade das edificacións, especialmente no medio rural. O estudo conclúe que o 79 % dos concellos galegos presentan unha vulnerabilidade media, mentres que en 60 é baixa e só en seis é alta.

O Sismigal incorpora ademais un rexistro histórico dos principais terremotos con epicentro en Galicia e a súa contorna nos últimos 500 anos. Entre eles destaca o seísmo de Triacastela, do 22 de maio de 1997, que acadou unha magnitude de 5,1 graos na escala Richter, o maior rexistrado na comunidade. Aínda que non causou danos materiais de consideración, provocou unha vítima mortal e foi amplamente recollido pola prensa da época.

A actualización do plan, que substitúe á versión aprobada en 2009, responde á necesidade de adaptalo á normativa vixente e á actual estrutura dos plans especiais autonómicos. Ademais da avaliación de riscos, o Sismigal establece o sistema de resposta ante emerxencias sísmicas e inclúe recomendacións dirixidas á cidadanía, como coñecer os plans de prevención nos centros de traballo, dispor dun plan familiar de actuación ou adoptar medidas básicas de autoprotección durante un terremoto.

⚙ Configurar cookies
0.083034038543701