O Pleno aproba por unanimidade a distribución dos 21,5M€ do Plan Único para os 67 concellos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Pleno da Deputación aproba por unanimidade a distribución dos 21,5M€ do Plan Único para os 67 concellos da provincia
equipo goberno pleno deputacion
28 Mar 2023

O Goberno provincial sacou adiante a súa proposta coa relación de actuacións e proxectos solicitados polas entidades locais con cargo ao programa de investimentos, que inxectará en total no tecido social e económico máis de 25M€ de fondos públicos coa suma da achega dos municipios.

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade a relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2023, que nesta anualidade conta con 21,5M€ de fondos da institución provincial.

O Goberno provincial sacou adiante deste xeito a súa proposta a favor deste programa de investimentos, que inxecta case 25M€ de fondos públicos no tecido social e económico da provincia, tendo en conta as achegas dos concellos, que ascenden en total a máis de 3M€.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, destacou que, por terceiro ano consecutivo, a Deputación aprobou as bases do Plan Único no ano anterior ao seu período de vixencia, e a relación de actuacións no primeiro trimestre do ano, “o que lle permite aos concellos, tanto planificar as accións municipais con maior antelación, como traballar con máis previsión e tempo, co que aproveitan mellor os recursos económicos e son más áxiles”.

Os concellos presentaron as súas propostas para investir estas importantes partidas económicas da institución provincial aos distintos programas establecidos: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); reforzo do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións/eventos turísticos; feiras e mercados; administración electrónica e protección de datos; e protección civil.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, asegurou que con este instrumento de cooperación a Deputación garante a distribución dos recursos públicos entre os 67 concellos da provincia con criterios públicos e obxectivos, e botou en falta que ningunha outra administración teña un mecanismo semellante para esta provincia.

Así mesmo, recalcou que o Plan Único da Deputación “é fundamental para que os concellos, sobre todo os máis pequenos, poidan prestar os servizos máis básicos ós seus veciños”.

García Porto asegurou que o Goberno provincial se comprometeu ao principio do mandato a incrementar ata o 25% a contía do Plan Único sobre o importe destinado no 2019, “sempre e cando quedase recursos liberados das transferencias á Xunta das competencias impropias que asume a Deputación como as residencias, por exemplo”. Afirmou que a Xunta non asumiu ningunha desas competencias que vén asumindo a Deputación e que tampouco creou ningunha residencia de maiores pública neste tempo, o que imposibilitou subir as contías máis porque os recursos son limitados.

Nas súas palabras, a Deputada foi firme fronte ás críticas do Partido Popular, poñendo o foco en que este plan reparte os fondos de maneira obxectiva, e “non como a Xunta de Galicia cando fai un reparto sectario dos cartos públicos, concede axudas con nocturnidade e aleivosía, e non ten un Plan Único”.

As entidades locais danlle prioridade aos investimentos -aos que dedicarán 16M€, preto do 70% do total dos fondos, para acometer máis de 330 obras e subministracións-, seguido da creación de emprego, á que destinan 3,7M€, cos que crearán 317 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3,4M€ para atender a máis de 2.000 persoas.

Os concellos dispoñen de prazo máximo para executar as accións que contemplan no Plan Único ata o 31 de outubro de 2024 e para xustificar, o 15 de novembro do vindeiro ano.

85,3M€ do Plan Único en catro anos

A Deputada detallou que este programa de investimentos supuxo un investimento total de 85,3M€ neste mandato, entre o ano 2019 e este 2023, para acometer 1.500 obras e formalizar máis de 1.200 contratos de traballo.

“É unha ferramenta esencial que respecta a autonomía municipal, pois son os propios concellos os que mellor detectan e coñecen as necesidades dos seus veciños, garantimos un reparto dos fondos públicos con criterios xustos, obxectivos e públicos, que todo o mundo coñece, o que favorece a calidade democrática e o equilibrio territorial”. Así mesmo, explicou que é “unha achega de fondos regular aos concellos cada ano, co que poden planificar a súa acción municipal”.

Balance do PP

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, sacou á luz “a falta de obxectividade no reparto de fondos por parte do goberno bipartito da Deputación” poñendo como exemplo que “dos 15 convenios asinados pola Deputación de Lugo cos Concellos neste 2023 por un importe de 5 millóns de euros, 10 foron con alcaldes do PSOE, 4 con concellos do BNG e 1 con alcaldes independentes. Cos Concellos gobernados polo Partido Popular -que ostenta a alcaldía en 31 dos 67 municipios da provincia- foron cero”, explica.

Así o expuxo Castiñeira na súa intervención durante o debate sobre a aprobación do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2023, “conxelado e devaluado polo goberno bipartito da Deputación”. Nesa liña, lembrou que “subiron os orzamentos da institución, pero non incrementaron a cooperación cos Concellos, conxeláronllela. Mentres a Deputación de Lugo subiu un 18% o seu orzamentos nos últimos dous anos -un 8% no 2022 e un 10% neste 2023-, o Plan Único quedou conxelado nos 21,5 millóns de euros, a pesar de que o goberno provincial prometera ao inicio do mandato aumentalo”.

O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinalou ao final do pleno, ao que asistiron numerosos bombeiros: “No día de hoxe o grupo provincial do PP de Lugo deu voz ás peticións dos bombeiros do Consorcio Provincial.

E estamos contentos, por un lado, porque o presidente da Deputación de Lugo anunciou novas reunións para intentar resolver os problemas, que era un dos obxectivos desta moción. Por outro lado, non entendemos o voto en contra da moción”.

Castiñeira explica: “O grupo provincial do PP fixo posible que  se debatera esta moción, cumpriu co seu compromiso cos bombeiros e desexamos que canto antes se solucionen estes problemas laborais nun colectivo que fai un traballo excepcional, co que todo o mundo está contento nos diferentes concellos; non queremos que a actual situación vaia a máis e poida levar a un peor servizo, o cal sería preocupante”.

Indemnizacións polos danos do lobo

O BNG sacou adiante por unanimidade unha moción que esixe á Xunta de Galicia ampliar as axudas destinadas a medidas de prevención e indemnización polos danos causados polos lobos en 4,3 M€.

Trátase da contía que lle correspondería a Galiza en función da Estratexia do Lobo e á que o goberno galego renunciou por manter un enfrontamento partidista co goberno do Estado.

Coa proposta, a formación nacionalista trata de evitar que a renuncia do goberno galego a estes fondos prexudique ás gandeirías. De cumprirse o acordo adoptado pola corporación provincial, as axudas ás gandeirías pasarían dos 1,75 M€ orzamentados pola Xunta de Galicia ata o momento a máis de 6 M€.

A deputada de Medio Rural Mónica Freire, que defendeu a moción no pleno provincial, dixo agardar “que esta votación se materialice na convocatoria de axudas e non quede nun intento de eludir responsabilidades por parte do grupo provincial do Partido Popular, que hai tres meses votou a favor dun aumento das axudas á produción ecolóxica que aínda non vimos no papel”.

“Se a sociedade en xeral reclama e concorda na existencia e conservación do lobo, esta protección non pode ser soportada unicamente polas gandeiras e gandeiros, menos aínda cando é evidente que as administracións dispoñen de recursos para paliar os danos”, concluíu

A moción tamén inclúe entre os puntos de acordo diferentes melloras e actualizacións da orde de axudas para facilitar a tramitación e xustificación, adaptándose ás circunstancias reais das gandeirías en réxime extensivo ou semiextensivo, máis vulnerables aos danos dos lobos.

Así, insta á Consellería de Medio Ambiente a que elabore un anexo á orde de axudas no que se estableza un criterio de estimación e valoración para poldros e bestas, vacas e becerros en réxime extensivo ou semiextensivo vítimas dos ataques de lobo, que respondendo á realidade non precise da presenza e identificación de restos, e que amplíe o prazo de xustificación das axudas dende que se comunica a aprobación ata que se presenta a conta xustificativa co gasto.

Eólica mariña

O Pleno provincial tamén aprobou unha moción do BNG que esixe ao goberno do Estado a retirada dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo, que prevén a instalación en Galiza do 43 por cento da eólica mariña prevista para o Estado a costa da actividade pesqueira e dos ecosistemas mariños.

No concreto, a proposta presentada pola organización nacionalista, e aprobada cos votos do Partido Popular, reclama ao goberno do Estado a retirada inmediata dos POEM e a declaración da costa galega zona excluída a eólica mariña para garantir o futuro do sector pesqueiro e á Xunta de Galiza que defensa por todos os medios ao seu alcance ao sector pesqueiro.

O voceiro nacionalista Efrén Castro reiterou a posición que o BNG mostrou no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. “No BNG insistimos na necesidade de implantar enerxías renovábeis e avanzar cara a unha economía libre de carbono, pero non se pode facer a costa de arrasar con todo” e sinalou que, “ademais das advertencias que está a lanzar o sector, a experiencia de Noruega ou Portugal demostran que este tipo de instalacións afecta aos caladoiros de pesca”.

Efrén Castro lamentou a ruptura do acordo do consenso que se acadou na corporación provincial en maio de 2022, ao redor dunha proposta de goberno que, atendendo ao recollido no Manifesto Burela, asinado por axentes económicos e sociais do sector pesqueiro , se pedía ao goberno do Estado blindar os caladoiros e zonas de actividade pesqueira da instalación de parques eólicos. “Non vale disfrazar todo de verde, producir enerxía renovabel a calquera custe e moito menos poñendo en risco 13.000 postos de traballo na provincia”, concluíu.

Outros asuntos do Pleno

Centros de Maiores da Pobra do Brollón, Cervantes e Ourol

O Pleno tamén aprobou medidas en relación cos Centros de Atención a Maiores que a Deputación ten previsto nos municipios da Pobra do Brollón, Cervantes e Ourol.

En concreto, no caso de Cervantes e Ourol aprobouse unha addenda aos convenios asinados entre a administración local e a provincial para fixar nun máximo de 8 anos a vixencia deste acordo para construír a residencia na localidade.

Por outra banda, aprobouse a modificación do convenio co Concello da Pobra do Brollón para incrementar a achega económica por parte da Deputación para construír o Centro de Atención a Maiores. A contía máxima ascende a 725.531,21€ distribuídos nas anualidades 2024 e 2025. Un aumento que se ve motivado polo aumento dos prezos de mercado debido ao contexto económico derivado da guerra en Ucraína.

Cesión de estradas aos concellos do Corgo, Xermade e Folgoso do Courel

No Pleno deste martes acordouse así mesmo ceder unha relación de treitos de estradas provinciais aos concellos do Corgo, Xermade e Folgoso do Courel, tal e como solicitaron por escrito as tres administracións locais.

No Corgo, cédese de maneira gratuíta un treito da estrada LU-P-1207 de 248 metros que responde a un tramo da antiga estrada provincial que conectaba Gomeán con Castroverde, que sufriu unha modificación debido ao novo trazado do corredor provincial.

En Xermade, aprobouse o cambio de titularidade a favor do Concello dos tramo das estradas provinciais LU-P-2201, que une Candamil con Pedrón por Xermade no treito entre o punto quilométrico 3,2 e 5,4; tamén do ramal da LU-P-2201 de 204 metros; da LU-P-2205, que conecta Xermade co límite provincial coa Coruña por Miraz e Porto Souto, nos primeiros 658 metros da vía; a LU-P-2202, que conecta Pedreira con Casanova, entre os puntos quilométricos 1,2 e 1,9; e da LU-P-2215, dende Roupar a Torre, nos primeiros 82 metros da vía.

En Folgoso do Courel, cédese un treito da vía provincial LU-P-1303 nos primeiros 0,050 metros desta estrada que comunica Seoane con Ferramulín por Visuña.

Por outra banda, o Pleno acordou a cesión de 6 parcelas provinciais ao Concello de Pedrafita do Cebreiro, vinculándoa á implantación dun polígono industrial ou agroforestal na localidade.

balance do pp deputacion
bombeiros de lugo
bng deputacion

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17218494415283