O Pleno aproba por unanimidade a organización da Deputación
A Corporación provincial aprobou por unanimidade no Pleno extraordinario a organización que rexerá o funcionamento orgánico da Deputación neste mandato 2019-2023: a periodicidade e hora das sesións plenarias e da Xunta de Goberno, a creación e composición das comisións informativas, o nomeamento de representantes da Corporación en órganos colexiados, o réxime de retribución dos membros da Corporación, a asignación económica aos grupos e o cadro de persoal eventual. Así mesmo, tamén se deu conta das resolucións de Presidencia de nomeamento da Vicepresidenta, a composición da Xunta de Goberno, a delegación das áreas de goberno e a designación de voceiros dos grupos provinciais.
O Goberno acadou co PP un acordo en todos os asuntos, polo que non houbo intervencións na sesión plenaria. O Presidente definiu as propostas aprobadas como “xustas e equilibradas”, que contribúen “a poñer as bases para unha boa e eficaz gobernanza da Deputación, co fin de que sexa útil aos concellos e aos veciños e veciñas da provincia, e tamén garanten que os grupos políticos teñan a capacidade, os recursos e os medios suficientes, para desenvolver a actividade que lles é propia, dentro da concepción digna da política que defendemos”.
En canto ao réxime de retribucións da Corporación, mantense o importe dos salarios que viñan percibindo tanto o Presidente como o resto dos integrantes da Corporación que tiñan retribución da entidade provincial. Para este mandato, ademais das dedicacións do Presidente e a Vicepresidenta, aprobáronse 7 dedicacións exclusivas, dúas ao 50% e outras dúas ao 75% para os deputados e deputadas do Goberno, ademais de 3 dedicacións exclusivas e unha parcial para o Grupo Provincial do Partido Popular, que deste xeito sube media dedicación con respecto ao anterior mandato.
En canto á asignación aos grupos políticos da Corporación, mantéñense os importes do pasado mandato: un compoñente fixo de 4.000€ ao mes por grupo político e un compoñente variable de 1.500€ ao mes por cada membro do grupo.
Polo que respecta á proposta sobre o cadro de persoal eventual, contempla 25 postos, dos cales 8 corresponden ao Grupo Provincial Socialista; 3 ao Grupo Provincial Popular; 3 ao Grupo Provincial do BNG; 7 á área de Presidencia; e 4 á de Vicepresidencia.
Con respecto das últimas propostas de Goberno para o Pleno de Organización increméntase en 1,5 dedicacións, repartidas entre Goberno e oposición, e 2 postos en persoal eventual.
Coas retribucións aprobadas hoxe, tal e como destacou o Presidente, a Deputación de Lugo segue sendo a máis económica de Galicia, isto é, a que menos contía dedica a retribucións da Corporación e persoal eventual. O soldo do Presidente, que se mantén nos 67.500€, é ademais o máis baixo dos catro presidentes provinciais.
Pleno, Xunta de Goberno e Comisións Informativas
O Pleno ordinario manterase o último xoves de cada mes, ás 11.00, e a Xunta de Goberno, os venres de cada semana, igualmente ás 11.00. Este órgano está formada por 9 deputados: ademais do Presidente e a Vicepresidenta, intégrano Pilar García Porto, Pablo Rivera Capón, Mayra García Bermúdez, Roberto Fernández Rico, Xosé María Arias Fernández, José Luis Raposo Magdalena e Mónica Freire Rancaño.
Créanse dúas Comisións Informativas: a Xeral de Asuntos do Pleno e a de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, que preside José Tomé e ten 3 integrantes do grupo provincial do PP, 3 do PSOE e 1 do BNG.
Delegación de áreas e voceiros
- Ademais da Presidencia, José Tomé asume a área de Xestión Territorial.
- Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística: Maite Ferreiro Tallón.
- Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo: Pilar García Porto.
- Promoción Económica e Social: Pablo Rivera Capón.
- Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas: Mayra Gómez Bermúdez.
- Participación Cidadá: Roberto García Pernas.
- Muller e Igualdade: María Loureiro García.
- Cooperación e Asistencia aos Concellos: Xosé María Arias.
- Formación, Ensino e Economía do Coñecemento: Ana González Abelleira.
- Medio Ambiente: José Luis Raposo.
- Recursos Sostibles: Roberto Fernández Rico.
- Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica: Efrén Castro Caloto.
- Medio Rural e do Mar, e Mocidade: Mónica Freire Rancaño.
Na sesión de hoxe tamén se deu conta da designación de voceiros dos grupos políticos provinciais. Pilar García Porto será a do PSdeG; Efrén Castro, polo BNG; e Elena Candia, polo PP.