O Pleno aproba unha nova ordenanza para as residencias da Deputación

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O equipo de Goberno a considera máis xusta, igualitaria e adaptada á realidade e o Partido Popular pide más centros e renega da subida de prezos
equipo-goberno-deputacion
31 Mar 2026

O Pleno da Deputación acordou este martes aprobar a nova ordenanza que regula o acceso, os prezos públicos e o réxime interno de Centros de Atención a Maiores da institución provincial. Unha medida que garante un sistema público máis xusto e adaptado á realidade social e territorial da provincia: reforzando os criterios de acceso, axilizando os trámites administrativos -que pasan a ser xestionados pola propia Deputación e non polos concellos-; e adaptado á capacidade económica dos usuarios e usuarias.

O Deputado de Promoción Económica e Social explicou que “este regulamento, único para todas as residencias, é xusto e social, porque protexe a quen máis o precisa. O noso modelo de Centros de Atención a Maiores naceu pensando no rural, na dispersión e no envellecemento. Precisamente por iso, porque é un servizo especialmente sensible, non pode funcionar con regras ou criterios que non se adapten á realidade actual. O que facemos con esta proposta é ordenar, actualizar e fortalecer un servizo público esencial”.

Esta ordenanza inclúe unha serie de variacións no baremo dos criterios de acceso. No relativo á proximidade, increméntase o impacto da regra da prioridade por veciñanza, cun aumento da puntuación para aquelas persoas que vivan no concello no que se atopa o centro, seguido dos concellos limítrofes, da área de influencia e do resto da provincia. Ademais, elimínase o criterio que distinguía se o concello de procedencia da persoa solicitante contaba ou non cun centro de atención a maiores, xa que todos os centros da rede funcionan actualmente ao máximo da súa capacidade.

Así mesmo, nesta nova ordenanza amplíase o indicador de vinculación coa residencia, posto que, ademais de ter en conta a existencia de familiares por consanguinidade, inclúese tamén a posibilidade de valorar vínculos afectivos familiares, -como matrimonios-, e non só familiares, como, por exemplo, amigos ou veciños dalgún usuario co que desexen compartir centro “porque manter a unidade familiar e afectiva tamén é parte do coidado”.

Pablo Rivera avanzou tamén que “no que afecta á escala social, esta normativa inclúe dous novos criterios de valoración. O primeiro deles é a introdución da soidade non desexada, coa que se pretende favorecer a aquelas persoas que se atopen en situación de illamento: unha realidade que afecta a súa saúde, a súa autonomía e ao seu benestar”. E o segundo indicador que se vai ter en conta é o entorno da persoa solicitante “puntuando situacións de afastamento reais: parroquias remotas, falta de transporte, carencia de servizos... vivir no rural non pode penalizar, ao contrario, debe ser tido en conta”.

No que ten que ver cos trámites administrativos, o Deputado Provincial puxo en valor esta normativa “porque simplifícaos e axilízaos. As persoas interesadas en solicitar unha praza poderán presentar unha única solicitude para ter acceso a todos os Centros de Atención a Maiores, en lugar de formalizar unha por residencia como se facía ata o de agora. Ao respecto desta cuestión, centralízanse os trámites na Deputación de Lugo liberando aos concellos desta cuestión”.

A medida saíu adiante grazas aos votos do PSdeG e o BNG e cos votos en contra do PPdeG.

Prezo público

A nova ordenanza regula tamén a contía a pagar polas persoas usuarias, unha cantidade que se calculou tendo en conta o custo real do servizo, o sistema actual de protección para as persoas en situación de maior vulnerabilidade e a capacidade económica de cada persoa. Pablo Rivera fixo especial fincapé en que “actualizamos o importe máximo que fixamos como tope, porque leva oito anos sen revisión” e reiterou que “o prezo que pagarán os usuarios calcúlase de forma progresiva de acordo aos seus ingresos e ao seu patrimonio”. Nese sentido, explicou que se garante un mínimo vital para os seus gastos propios e necesidades básicas e “establécese unha lóxica redistributiva: quen máis capacidade ten, máis contribúe”.

“Este modelo evita inxustizas e mellora a equidade, porque introduce unha Táboa Redistributiva Progresiva que afina moito máis nos tramos máis habituais, é dicir, nas pensións medias, e pide máis esforzo a quen está en situación de maior vantaxe económica”.

Nesta liña, as persoas con rendas baixas ou medias mellorarán as súa situación. Así, por exemplo, unha persoa autónoma con pensión non contributiva (8.803€ anuais) aboará 545,50€, mentres que no caso dunha persoa usuaria dependente a achega será de 568,28€. Pola súa banda, a pensión media na provincia de Lugo sitúase en case 15.000€, polo que estas persoas asumirán unha achega de 975,06€ se son autónomas e de 998,37 € no caso de persoas dependentes, uns importes que apenas varían respecto á ordenanza anterior.

Pablo Rivera rematou reiterando que “ninguén debe quedar fóra dun servizo público esencial por non ter recursos. Esta ordenanza está construída exactamente para iso: para garantir acceso, dignidade e a sustentabilidade do modelo”.

Modificación da RPT provincial

Na sesión deste martes tamén quedou aprobada unha modificación puntual do cadro de persoal da Deputación provincial para este ano, coa incorporación de dúas novas prazas de secretario-interventor (habilitados nacionais), como unha medida para reforzar o servizo de Cooperación cos Concellos. Neste sentido, a Presidenta recalcou que servirá para atender unha necesidade que require de persoal especializado, cualificado e estrutural, co fin de garantir a xestión eficiente e sostible para os concellos e a propia Deputación.

A resposta do Partido Popular

Pola súa banda, os deputados populares votaron en contra da aprobación das ordenanzas de funcionamento, de prezo público e do regulamento porque consdieran que PSOE e BNG suben un 60% o prezo das prazas de tódalas residencias e renuncian a abrir máis centros da rede da Deputación de Lugo.

Antonio Ameijide explica que “dende o Grupo Provincial Popular dicimos non á brutal subida do 60% das prazas, de 1.390 euros a 2.200, equiparando á alza o prezo que xa aprobaran para a proposta de privatización da residencia de Becerreá” e tamén vota en contra porque supón “renunciar á apertura doutras residencias comprometidas” porque “ao non prever máis ingresos, enténdese que non contan ter máis usuarios”.

O popular advirte que “co estudo económico que trouxeron ao Pleno é máis que evidente que non hai previsión económica para asumir aperturas de novas CAM: a alcaldesa de Guitiriz e deputada de goberno ou o ex presidente da Deputación deberían estar preocupados”, igual que o alcalde da Pobra do Brollón ao que suxire “espabilar” porque “os deputados do BNG non o van a facer, senón que van votar o que lles mande o PSOE” e os concellos que agardan que PSOE e BNG cumpran a súa palabra, temos que poden seguir agardando”.

0.13165998458862