O Pleno da Deputación acorda reclamar medidas efectivas para frear a covid-19
O Pleno da Deputación de Lugo acordou este martes na sesión plenaria do mes de novembro reclamarlle á Xunta de Galicia medidas efectivas para frear a segunda vaga de covid-19 que afecta á comunidade. A moción do Goberno -PSdeG e BNG- foi aprobada cos votos destes dous grupos a favor e a abstención do grupo provincial Popular.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que é necesario que o Executivo autonómico exerza as súas competencias e desenvolva as tarefas de coordinación ante o aumento de casos de Covid-19 e do número de falecidos en Galicia. Entre esas medidas, cómpre que se reforce a loita contra a pandemia coa contratación de médicos e persoal sanitario de reforzo, dun xeito especial na Atención Primaria.
A institución provincial insta á Xunta a que abra unha liña permanente de colaboración cos concellos para facilitar información veraz, escoitar as reclamacións das alcaldías e ter en conta as súas achegas á hora de aplicar medidas ou levantalas. Tamén solicita que se faga un novo reparto de material preventivo aos concellos, “como máscaras ou luvas e que acompañe o envío de tests de antíxenos coa achega de persoal sanitario necesario para realizalos”, detallou García Porto.
“Pedimos que se cubran as necesidades de material de protección da comunidade educativa nos centros de ensino e que se asuma o custo das tarefas de desinfección das aulas, que agora mesmo na maioría dos casos están asumindo os concellos”, insistiu a Deputada. Ademais, explicou que é necesario que o Goberno de Núñez Feijóo “deixe de aplicar criterios arbitrarios á hora de decidir que municipios ou territorios deben asumir as medidas más restritivas, como peches perimetrais, da hostalaría ou das actividades non esenciais”.
No debate, García Porto criticou a actitude do Goberno da Xunta por falta de transparencia e de arbitrariedade por pechar concellos como Monforte de Lemos, Viveiro ou Burela, cando concellos como O Incio, Cospeito ou Palas de Rei tiñan un maior número de casos por 100.000 habitantes.
Así mesmo, o Presidente e a voceira socialista do Goberno lamentaron que, unha vez máis, o Partido Popular aluda á manifestación do 8 de marzo para explicar a expansión do coronavirus no país. “Paréceme lamentable e triste, eu como muller síntome indignada coa súa actitude machista nas vésperas do 25N, é unha actitude intolerable”, incidiu García Porto ao referirse ás palabras do voceiro popular. Pola súa banda, ambos sinalaron que os populares non fan alusión ás aglomeracións que se produciron en outros eventos coma os partidos de fútbol ou a concentración que reuniu “aos tres magníficos de Colón”, sinalou o Presidente.
PONTE DE URIZ
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou ante o Pleno que a institución provincial xa ten contratada a asistencia técnica para avaliar a capacidade da ponte de Uriz na LU-P-5101, en Outeiro de Rei, dende o 10 de novembro por importe de 6.437€. “A institución fixo as obras de mellora neste punto e adoptou medidas de seguridade limitando o paso a vehículos de máis de 10 toneladas por criterios. Este non é unha cuestión política. Dende a Deputación seguimos as pautas e direccións dos informes técnicos para atopar a mellor solución a unha infraestrutura que data do século XIX”, concretou Rivera no debate dunha moción do PP sobre esta ponte.
“O Partido Popular debería saber que xa foi contratada a asistencia que demanda na súa moción, 8 días antes de que a presentaran, porque neste Goberno o que queremos é velar pola seguridade da cidadanía e actuar para evitar posibles accidentes, non vale de nada animar á veciñanza a facer tractoradas enriba dunha ponte histórica, esa non creo que sexa a mellor solución para a súa conservación”, subliñou.
CRTVG
O Pleno deste martes tamén acordou reclamar a fin do uso partidista da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) por parte do Partido Popular. A moción, presentada polo grupo provincial socialista, saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e ten como obxectivo urxir á Xunta de Galicia a que “abandone as políticas de manipulación, sesgo informativo e o enfoque partidista, que incumpren os obxectivos legais cos que foi fundada a Corporación”, indicou a voceira socialista do Goberno.
A Deputación tamén solicita o cese do actual director da CRTVG e insta á elección do Parlamento dun profesional de consenso que “abra unha nova época para a radio e a Televisión de Galicia, recuperando a súa función de servizo público”, subliñou García Porto. O Pleno tamén solicita que se abra un diálogo co cadro de persoal para dar solución ás “continuas queixas e denuncias que se veñen repetindo os venres dende hai máis de 130 semanas para denunciar os obstáculos ideolóxicos que atopan para desenvolver o seu traballo”, concretou. A Deputada tamén avanzou que a institución reclamará que se “creen organismos de control interno que eviten que no futuro poidan repetirse situacións comas que se están a producir”.
García Porto puxo o foco en que “os sucesivos gobernos do Partido Popular veñen facendo caso omiso a estas denuncias e, lonxe de poñer remedio á situación, acentuárona dende a aparición do coronavirus, momento no que a canle pública converteuse no altofalante exclusivo de Núñez Feijóo, que evitaba á oposición no Parlamento ao tempo que lle negaba a presenza nos informativos públicos”. Precisamente, incidiu a Deputada, “a actual situación de crise sociosanitaria e económica, con restricións na actividade normal, fai que os cidadáns precisen máis que nunca de información plural e veraz, non sesgada en función dos intereses dun goberno”.
SOLDOS DA CORPORACIÓN
Tamén aprobou por unanimidade a proposta do presidente de conxelar os soldos dos membros da Corporación provincial para o próximo 2021. Deste modo, os 25 deputados e deputadas provinciais manterán o ano que vén os mesmos salarios que nesta anualidade.
O mandatario provincial explicou que “no actual contexto, de loita contra a pandemia do coronavirus, queremos trasladar un xesto á cidadanía por parte da Deputación. Sabemos que é simbólico pero para nós ten moita importancia. Temos que ser solidarios coas persoas que o están pasando mal, nun momento de crise social e económica. É o que debemos facer os representantes políticos”.
Nesta mesma liña, Tomé Roca subliñou que os deputados e deputadas da Corporación provincial “somos persoas con vocación de servizo público, de servizo á cidadanía, por riba de todo. Vimos aquí a traballar e a ser solidarios cos nosos veciños e veciñas, non a outras cousas. Nestes momentos tan extraordinarios os políticos debemos ser os primeiros en dar exemplo, ser responsables e estar á altura das circunstancias”.
O presidente puntualizou que esta medida non se aplicará aos traballadores e traballadoras públicos do organismo provincial, pois neste caso a Deputación aplicará os termos que marca a Lei de Orzamentos Xerais do Estado, que prevé un incremento do 0,9% nos seus salarios.
VIOLENCIA MACHISTA
O Pleno da Deputación de Lugo acordou unha Declaración Institucional contra a violencia machista. Todos os grupos políticos con representación na Deputación de Lugo – PSdeG, BNG e PPdeG- votaron a favor dun texto elaborado conxuntamente con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que terá lugar mañá, 25 de novembro.
O documento amosa o firme compromiso da institución provincial na loita contra os asasinatos e agresións machistas e a vontade política por mudar os elementos estruturais que as xeran e as perpetúan na sociedade. Os tres partidos, como asinantes da declaración, trasladan a súa solidariedade e apoio ás vítimas, aos fillos e fillas que perderon ás súas nais, e a todos os seus familiares e amigos. “Compartimos a súa dor, entendemos a súa desolación e combatemos a súa causa”, recolle o escrito.
A iniciativa presta especial atención á actual situación que se ve agravada pola crise sanitaria da pandemia da Covid-19. “Moitas das medidas necesarias para loitar contra o virus –restricións de movemento, illamento social, menor mobilidade- resultan especialmente terribles para as mulleres vítimas de violencia machista”, recolle o escrito conxunto que acordou a Xunta de Voceiros o pasado xoves e que ratificou a Corporación Provincial por unanimidade esta mañá.
DECLARACIÓN
"Co motivo da conmemoración, o vindeiro 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Deputación de Lugo quere expresar o seu firme compromiso na loita contra os asasinatos e agresións machistas e o traballo para mudar os elementos estruturais que as xeran e perpetúan na sociedade. Queremos trasladar a nosa solidariedade e apoio ás vítimas, aos fillos e fillas que perderon as súas nais, e a todos os seus familiares e amigos. Compartimos a súa dor, entendemos a súa desolación e combatemos a súa causa.
Cúmprense agora 20 anos dende que as Nacións Unidas decidiran, ao abeiro do cambio de século, adicar este día a visibilizar dun xeito especial a necesidade urxente de loitar contra a violencia que afecta ás mulleres polo mero feito de selo. Son dúas décadas de traballo, de melloras na educación en igualdade, na lexislación e na habilitación de recursos para frear a violencia. Pero son dúas décadas nas que non fomos quen de facer desaparecer unha das eivas máis vergoñentas que aínda arrastra a Humanidade. É clave aumentar os recursos dispoñibeis e avanzar na identificación e na loita contra todo tipo de violencias e desigualdades que afectan ás mulleres no contexto dunha sociedade patriarcal.
En anos recentes alertamos do risco de retroceso que representaban a difusión das ideas negacionistas ou revisionistas, que tratan de negar a existencia do problema ou o dilúen en formulacións xenéricas como “violencia intrafamiliar”. Este ano, ademais, a situación vese agravada pola pandemia da Covid 19. Porque moitas das medidas necesarias para loitar contra o virus -restricións de movemento, illamento social, menor mobilidade - resultan especialmente terribles para as mulleres vítimas de violencia machista. Como ten declarado a ONU, “o confinamento reforza o illamento das mulleres que teñen compañeiros violentos, separándoas das persoas e os recursos que mellor poden axudalas. É a situación perfecta para exercer un comportamento controlador e violento no fogar”. Os datos do primeiro semestre do ano indican que houbo un incremento nas beneficiarias de axudas económicas, do número de chamadas ao teléfono de atención ás vítimas e de consultas nos Centros de Información á Muller (CIM), a maioría delas relacionadas coa necesidade de atención psicolóxica, acceso a recursos asistenciais e ordes de protección.
Tamén se están a constatar as dificultades coa que se atopan as mulleres que precisan recorrer ás casas de acollida onde se lles piden requisitos médicos e sanitarios vinculados á situación de pandemia, sen que nin elas nin os CIM teñan medios para acreditalos. As mulleres vense expostas ao abandono institucional por non poder cumprir coas condicións para ingresaren nestes centros, poñendo en risco aínda máis as súas vidas e as dos seus fillos e fillas.
Urxe facer unha valoración global da situación en que se atopan as mulleres vítimas de violencia no contexto da Covid 19 e dar resposta a estas novas situacións. Cumpre que as medidas de loita contra unha situación excepcional non esquezan nin leven ao segundo plano esa outra enfermidade social endémica que é a violencia contra as mulleres.
Polas características da nosa poboación, Lugo é unha provincia de marcado carácter rural, cun alto grao de envellecemento. E cumpre lembrar que a violencia contra as mulleres é especialmente dura nas zonas rurais e tamén entre mulleres maiores de 65 anos. No mundo rural, a sensación de soidade e tripla, pola escasa participación dos espazos públicos e a relegación ao ámbito privado, por estar illadas xeograficamente e por identificar a súa situación como un proceso individual, e non como o problema estrutural que é, consecuencia da desigualdade entre mulleres e homes. Así o indica o estudo sobre “Mulleres vítimas de violencia de xénero no mundo rural” realizado pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), entre decembro de 2018 e xaneiro de 2020, en cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que este ano cumpre o seu terceiro aniversario.
Tamén no marco do Pacto, o pasado ano publicouse o estudo sobre “Mulleres maiores de 65 anos vítimas de violencia de xénero”, que pon de manifesto unha realidade que permanece a miúdo invisible. E que revela unha violencia sostida no tempo con datos estremecedores: o 40% das vítimas sufriu violencia durante máis de corenta anos e o 27% padeceuna, entre dous e tres décadas. Toda unha vida de vexacións, agresións, control e medo. Un colectivo especialmente vulnerable que require toda a nosa atención, apoio e sustento.
Por todo iso, a Deputación de Lugo quere manifestar o seu compromiso coas políticas orientadas á erradicación da violencia contra as mulleres, tanto dentro e fóra do ámbito da parella, e co fomento dunha cultura da igualdade e de respecto á diversidade dende as idades máis temperás. E consideramos tamén que é preciso incorporar a perspectiva de xénero ás medidas socioeconómicas de reconstrución. Cómpre valorizar e dignificar as condicións laborais en sectores amplamente feminizados -sanitario, sociosanitario, da limpeza, da asistencia no fogar-, fundamentais para o sistema de coidados que a pandemia volveu demostrar imprescindible para a sociedade. E fomentar a corresponsabilidade. Porque a crise sanitaria está levando a carga da atención a maiores e enfermos de novo ás mans das mulleres. Porque cando os nenos e nenas fan educación non presencial, o seu coidado e supervisión volve a ser, maioritariamente, tarefa das nais. Porque cando se perde emprego, se precariza ou se deterioran os dereitos laborais, son as mulleres as que primeiro sofren as consecuencias. O mantemento ou recuperación de roles sociais sexistas é o primeiro paso no que asentar comportamentos discriminatorios ou violentos. E non loitaremos de xeito eficaz contra a Covid se para facelo ignoramos, deixamos de lado, suprimimos ou minusvaloramos os dereitos da metade da poboación".