O Pleno da Deputación reclámalle á Xunta que mellore a LU-170 entre Parga e Cabreiros
Deputación de Lugo urxiu este martes no Pleno á Xunta de Galicia a que impulse obras de mellora da estrada autonómica LU-170, que une Parga e Cabreiros, á altura do termo municipal de Xermade. A moción, presentada polos socialistas, saíu adiante por unanimidade co apoio dos tres grupos representados na Corporación provincial.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que esta vía autonómica é a “estrada sempre esquecida” pola Xunta de Galicia, e evidencia “a falta de compromiso dos gobernos do PP coas infraestruturas da provincia de Lugo e co noso rural en máis de dúas décadas”. Nas súas palabras, Rivera indicou que o PP á fronte da Xunta “tarda anos en arranxar as estradas, amaña a cachiños para que os conselleiros ou conselleiras desta área fagan a foto, pero non entende o valor estratéxico das comunicacións”.
Explicou que esta é unha estrada moi empregada pola veciñanza, ao conectar tanto coa Autovía A-6 como coa AG-64, vías principais de comunicación na Terra Chá, con altos problemas como “pontes demasiado estreitas polas que ten que pasar o bus escolar, fochancas e cun trazado demasiado complexo”. “Esta estrada sabe ben de atrasos constantes, reparacións parciais con fins electoralistas que evidencian unha clara mostra do abandono ao que está sometida esta vía”. “Xa trouxemos esta moción no 2016, que apoiaron no seu momento os populares, pero neste tempo non houbo avances. É máis, tamén o ex Alcalde popular de Xermade, Tomás Rodríguez, cando deixou a alcaldía, dixo que o que máis lle doía do seu tempo á fronte do Concello foi non ter amañado a LU-170”.
A institución provincial solicita que o Goberno galego faga unha mellora integral do firme, limpe as cunetas e renove a sinalización nesta estrada para garantir a seguridade dos veciños e veciñas que empregan a diario esta vía de comunicación.
Rivera Capón comparou o compromiso da Deputación de Lugo coa veciñanza de Xermade, poñendo de exemplo que nos últimos anos investiu preto de 1,5 milóns de euros na mellora da estrada que conecta Momán e As Pontes, a LU-P-2204. Unha vía que quedou renovada de xeito íntegro nos últimos anos grazas aos diferentes proxectos que impulsou a institución provincial co Presidente, José Tomé Roca, á fronte.