O Pleno das Pontes acorda a aprobación inicial da ordenanza de usos do Muíño de Prieto e a antiga caseta do polbo
O Concello de As Pontes acordou durante o transcurso do pleno ordinario de mes de novembro, cos votos a favor de Xuntos por As Pontes e a oposición do BNG, aprobar, inicialmente, a ordenanza municipal de utilización puntual do Muíño de Prieto e da antiga caseta do polbo.
Esta ordenanza, que se exporá, publicamente, durante un período de 30 días, ten como obxectivo prioritario propiciar e garantir a utilización compartida, por parte de toda a veciñanza, de ambas instalacións; facilitar a posta en marcha de actividades culturais, de lecer e socias, tanto de carácter asociativo como individual e, asemade, velar polo mantemento e estado de conservación de ambos espazos públicos de titularidade municipal.
No caso do Muíño de Prieto, a ordenanza municipal establece que quedará reservado para a celebración de cerimonias civís, uso compatible co estado actual da instalación e que responde as necesidades manifestadas pola veciñanza. Non obstante, a tenente de alcalde, Montserrat García, fixo fincapé en que “o goberno local non renuncia ó uso museístico do Muíño de Prieto e xa traballamos en varias opcións para continuar poñendo en valor unha zona emblemática da nosa vila, promovendo o seu uso por parte de todos os ponteses”.
Por outra banda, a antiga caseta do polbo, reconvertida en edificio de usos múltiples tras a remodelación integral da instalación, estará destinada ó desenvolvemento de actividades socias e de celebracións de carácter lúdico, non lucrativas, promovidas por parte das asociacións da vila como polos veciños e veciñas, a título individual.
Neste sentido, a tenente de alcalde subliñou que “tras o remate das obras, os veciños disporán dunha instalación de calidade, completamente equipada e cunha nova distribución e dotación dos espazos polo que, goberno local considera que non ten cabida reservar, en exclusividade, o uso da instalación ós días 1 e 15 de cada mes para a venda de polbo pero o servizo seguirá tendo continuidade no exterior do edificio de usos múltiples”.
Durante o transcurso da sesión plenaria, o Concello de As Pontes tamén acordou, cos votos a favor de Xuntos por As Pontes e os votos en contra do BNG, a aprobación da delimitación e nomeamento da Área Recreativa José Ferro, unha zona de lecer de 15.000 metros cadrados, situada no Parque da Fraga, á beira do río Eume, que incluirá ó Muíño de Prieto, ó edificio sociocultural do Hexágono e á caseta do polbo.
Trátase dun área coa que o Concello de As Pontes impulsará un área de recreo, pasatempo e convivencia para todos os veciños, nun entorno privilexiado e cunhas instalacións modernizadas e acondicionadas ós usos e necesidades actuais.
Ó remate do pleno municipal, a tenente de alcalde, Montserrat García, fixo lectura dunha declaración institucional, que só contou co respaldo do grupo de goberno e os representantes de Xuntos por As Pontes, de apoio á plantilla de Alcoa, encontra do peche anunciado pola empresa e a favor da retirada do ERE.