O Pleno das Pontes aproba a modificacion das normas subsidiarias do Poboado das Veigas
O grupo de goberno local deu conta, durante a celebración dunha sesión plenaria extraordinaria, de carácter urxente, da aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias do Poboado das Veigas, feito que permite desbloquear a situación urbanística da zona.
O concelleiro de Urbanismo, Antonio Alonso, durante a sesión plenaria, subliñou a importancia da aprobación do novo planteamento urbanístico xa que “despois de moitos anos de traballo estamos en condicións de remodelar e desenvolver unha zona emblemática do municipio, na actualidade moi degradada, promover a renovación dos servizos e os inquilinos, finalmente, poderán acceder á propiedade das vivendas”
Alonso avanzou que Endesa, a propietaria dos terreos, está traballando no proxecto de renovación das infraestruturas, valorado en cinco millóns de euros, que permitirá actualizar os servizos e instalacións de saneamento, abastecemento, alumeado, rede eléctrica e telecomunicacións, así como completar a urbanización precisa para que acaden a condición de solar.
O responsable da área de urbanismo tamén adiantou que “segundo os datos dos que dispoñemos, está previsto que o proxecto estea rematado antes de finais do mes de novembro, a continuación o Concello deberá outorgar a licenza correspondente, e que as obras, cun período de execución de 18 meses, comecen nas primeiras semanas do ano 2020”.
O concelleiro tamén recordou que unha vez executada a obra, en base ao convenio asinado con Endesa no ano 2016, a empresa propietaria dos terreos entregará os espazos de titularidade pública (viario, zonas verdes e equipamentos), unha cesión que permitirá ao Concello integrar ao Poboado das Veigas na malla urbana e darlle os seus inquilinos os mesmos servizos que a toda a veciñanza.
Por outra banda, a modificación puntual das normas subsidiarias do Poboado das Veigas tamén recoñece a división das parcelas existentes e precisa as condicións específicas de edificación para cada tipo de vivenda (cores, materias, volumes, fiestras) para que o Poboado das Veigas non perda a súa esencia.
Modificación IBI
Durante o pleno, tamén se aprobou a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles (IBI), incrementando o umbral de 750.000 a 1.000.000 de euros de valor catastral para os bens inmobles urbanos de uso industrial, polo que oito empresas pasarán de tributar un 1,1% a un 0,46% para, deste xeito, favorecer o seu asentamento no municipio e podelas axudar a ser máis competitivas.
O goberno local de As Pontes tamén aprobou hoxe unha modificación de crédito, cun importe total de 1,2 millóns de euros para garantir a boa marcha do concello, cubrir gastos dos servizos públicos municipais e realizar melloras nas infraestruturas municipais.