O Pleno das Pontes aproba as achegas ao programa Almorzos no cole

TerraChaXa
O pleno municipal das Pontes aprobou durante unha sesión extraordinaria a concesión de dúas subvencións nominativas, a favor das ANPA Medoñas do CEIP A Fraga e da ANPA Outo Eume do CEIP A Magdalena, dotadas con 12.
Pleno 25 10 2018PG
26 Out 2018

O pleno municipal das Pontes aprobou durante unha sesión extraordinaria a concesión de dúas subvencións nominativas, a favor das ANPA Medoñas do CEIP A Fraga e da ANPA Outo Eume do CEIP A Magdalena, dotadas con 12.300 euros e 17.000 euros respectivamente, para financiar o programa almorzos no cole 2018/2019.

A proposta, que contou co respaldo de todos os grupos políticos, permitirá darlle continuidade a un programa posto en marcha polo goberno local, no ano 2009, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida familiar e sociolaboral das familias pontesas.

O concelleiro de Réxime Interno e Recursos Humanos, José Alén, durante a quenda de intervencións, remarcou que “a contía de ambas subvencións aumentou con respecto ó ano ano pasado debido ó incremento de usuarios que participan no programa e á necesidade de sufragar gastos de equipamento e infraestruturas vencellados ó bo funcionamento desta iniciativa municipal”.

O pleno pontés tamén aprobou, por unanimidade, a concesión dunha subvención nominativa de 12.000 euros a favor da asociación de ex-alcohólicos Adiante que irá destinada a financiar diferentes obras e actuacións de mellora no local social da entidade durante o ano 2018.

No transcurso da sesión plenaria acordouse, cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención de Xuntos por As Pontes e PP e o voto en contra do BNG, aprobar a modificación do convenio de colaboración entre o Concello de As Pontes e a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado para o financiamento da obras rehabilitación da vivenda para a sede do Museo, actuacións para as que a Fundación solicitou una mínima prórroga para a finalización das mesmas.

A tenente de alcalde, Montserrat García, quixo remarcar durante a exposición da modificación do convenio que “esta non afectará ó prazo de xustificación do convenio nin ó prazo de vixencia do mesmo, só suporá a ampliación de 30 días do prazo de fin das obras.”

Asemade, o pleno municipal do Concello de As Pontes acordou aprobar, co respaldo dos votos do grupo de goberno, un expediente de suplemento de crédito e crédito extraordinario por valor de 400.000 euros destinado, esencialmente, ó mantemento de pistas e tarefas de desbroc nos viais e camiños rurais así como ó mantemento de edificios de titularidade pública.

Composición do pleno

Durante a sesión plenaria tomou posesión da súa acta como concelleiro do grupo Xuntos por As Pontes, Xosé Manuel Ribera García e, durante a parte dispositiva do pleno, fíxose toma de coñecemento da renuncia de Manuel Escourido como concelleiro do Partido Popular.

Montserrat García, tenente de alcalde do Concello de As Pontes e portavoz do grupo socialista, no seu nome e no de todos os seus compañeiros, agradeceu ó ex-concelleiro o traballo levado a cabo durante estes anos, o seu compromiso e respecto, e desexoulle sorte na súa nova etapa profesional e persoal. Xuntos por As Pontes e o BNG sumáronse a este agradecemento.

0.19383382797241