O Pleno das Pontes aproba investimentos por máis de 4,6 millóns de euros

TerraChaXa
O pleno do Concello das Pontes aprobou, por unanimidade, durante unha sesión extraordinaria, investimentos por valor de 4.669,773.26 euros.
ConcelloAsPontes
20 Ago 2022

O pleno do Concello das Pontes aprobou, por unanimidade, durante unha sesión extraordinaria, investimentos por valor de 4.669,773.26 euros para poñer en marcha novos servizos e executar diferentes proxectos destinados a mellorar a calidade de vida da veciñanza, actuacións que responden ás demandas realizadas desde o tecido asociativo da vila.

Entre os proxectos que se levarán a cabo atópanse, entre outros, a creación dun centro loxístico, cun investimento de 401.555 euros, a mellora da iluminación e o acondicionamento interior do Mercado Municipal, proxecto valorado en 48.279 euros así como o soterramento e canalización da liña eléctrica desta infraestrutura municipal (30.250 euros).

Tamén se levará a cabo a reparación dos pavimentos na rúa Rosalia Castro, na Avenida de Ferrol así como na Avenida da Coruña, actuacións valoradas en 48.398.79 euros, executarase a mellora do viario e da accesibilidade na rúa Sergio Rivera Chao (42.350 euros), o aglomerado dos accesos ao cemiterio dos Alimpadoiros (48.400 euros), a reposición da capa de rodadura na rúa Rita Rivera Chao (30,250), e a reparación do viario na Rúa Vilaboy Pajón, desde a rotonda dos patos ata o ponte da Perfolla (48.387 euros).

Así mesmo está previsto acometer a reposición do pavimento na beirarrúa da rúa Ourense (43.560 euros), a reposición de beirarrúa na rúa Santiago Apóstol (18.150 euros) así como a mellora da evacuación de augas pluviais na zona do aparcadoiro da Avenida de Ferrol (42.350.euros).

O pleno do Concello tamén aprobou un investimento de 48.400 euros para a construción de beirarrúas no Rego do Campo, unha partida de 41.140 euros para levar a cabo os traballos de ampliación e mellora do parque infantil da Rúa 8 de marzo e preto de 50.000 euros para mellorar a capa de rodadura da Rúa Antonio Machado e 47.778 euros para a obra de mellora da accesibilidade e pavimentos no viario interior do cemiterio dos Alimpadoiros.

Entre os investimentos aprobados tamén se encontra o proxecto de reposición de canalización de abastecemento e a mellora viaria da Avenida das Veigas (96.800 euros) e actuacións nas instalacións deportivas tales como o acondicionamento do pavillón da IES A Magdalena (150.000 euros) ou a reposición da pista polideportiva do Chamoselo- Cal da Avelaíña (30.000 euros).

Tamén se levarán a cabo as obras de mellora do chan do ximnasio do pavillón municipal (40.000 euros), a construción dunha grada cuberta no campo de herba artificial con capacidade para 150 persoas (97.913 euros, a creación dunha zona cuberta e almacén para a práctica de tiro con arco (210.945 euros) e a rehabilitación da pista deportiva do Poboado das Veigas (48.293 euros).

Ademais executáranse diferentes actuacións no lago entre as que se atopan a rehabilitación e mellora da Senda da Memoria (46.701 euros), o embelecemento dos contedores do lixo así como a creación dun parque de calistenia e a execución dun aparcadoiro para motos (18.274 euros) ademais adquiriranse boias, velas de sombra e unha torre de socorrismo, elementos valorados en 8.000 euros.

Os investimentos aprobados durante a sesión plenaria permitirán a execución de obras para a mellora do saneamento no viario de Pontoibo (66.550 euros), a instalación dunha zona multideportiva na parcela anexa a AA.VV de Bermui (96.800 euros), a mellora da capa de rodadura no viario a Esfarrapa así como as obras de reposición do pavimento deteriorado nos viarios de Ribadeume e Bermui (46.733 euros), as obras de reposición e mellora dos pavimentos na senda da Ribeira, cara o encoro, a reparación da gabia no viario do Pontoibo e Marraxón (39.264 euros) así como desbroces de viarios rurais (65.000 euros).

No capítulo de servizos, destaca o contrato de xestión da Ecoescola (45.000 euros), a posta en marcha dun obradoiro de consumo responsable, unha campaña informativa sobre compostaxe (40.000 euros), actividades de dinamización para a infancia e a xuventude, diversas actividades culturais para o Nadal (75.000 euros) así como para levar a cabo novas intervencións do proxecto de arte urbana, As Pontes Enpezas (20.000 euros) e a realización de diferentes eventos deportivos como a gala anual da Federación Galega de Vela ou unha proba internacional de ciclocross (34.000 euros)

Outros asuntos

Noutro orde de temas, o pleno do Concello das Pontes tamén aprobou, por unanimidade, a adxudicación do contrato do servizo de xestión da piscina municipal do Concello das Pontes á empresa Viraxes.

Tamén se aprobou a concesión dunha subvención nominativa á asociación Seara, de 35.000 euros, para o financiamento do programa de asesoramento a emprendedores, simulacros de emerxencias nos polígonos de Penapurreira e os Airios, o servizo de consultoría sobre as axudas Next Generation, a promoción e captación de empresas así como para facer fronte aos gastos xerais da asociación durante o ano 2022 e aprobouse unha subvención nominativa de 1.300 euros para a Agrupación Local de Protección Civil.

O pleno aprobou por unanimidade a constitución e adhesión á asociación de Concellos para a xestión da comarca do Eume, entidade, sen ánimo de lucro, que ten como finalidade, entre outras, a promoción do desenvolvemento sostible e equilibrado do territorio que conforma a Comarca do Eume e participar na elaboración dos plans de desenvolvemento e inversión que se creen desde os diferentes organismos públicos.

0.13579702377319