O Pleno das Pontes únese para a protección do parque dos Carbóns

TerraChaXa
A proposta contou co apoio do goberno municipal, do PSOE, así como dos grupos da oposición, BNG e PP, e da Plataforma para a Defensa do Patrimonio Industrial
derrubo-do-parque-dos-carbons
30 Jan 2026

O pleno do Concello das Pontes acordou este xoves por unanimidade solicitar á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a suspensión cautelar das obras de desmantelamento das instalacións da antiga central térmica de Endesa. A iniciativa céntrase especialmente na protección do Parque de Carbóns, ante a posibilidade de que esta infraestrutura sexa declarada Ben de Interese Cultural.

A proposta contou co apoio do goberno municipal, do PSOE, así como dos grupos da oposición, BNG e PP, e da Plataforma para a Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes. No acordo plenario instábase á Dirección Xeral de Patrimonio a acelerar a tramitación do expediente iniciado o pasado mes de decembro e a emitir unha orde inmediata de paralización dos traballos de derrubo.

Desde a plataforma explican que o obxectivo principal é evitar danos irreversibles no complexo mentres non se determine oficialmente se reúne os valores históricos e culturais necesarios para a súa protección legal. Consideran clave gañar tempo para garantir unha avaliación rigorosa do patrimonio industrial existente.

O debate plenario deixou tamén espazo para as discrepancias políticas. O Partido Popular lembrou que foi o propio Concello quen concedeu no seu momento a licenza de demolición das instalacións, agás a cheminea, mentres que o BNG puxo en valor o seu traballo continuado na defensa do patrimonio industrial local.

Ante as intervencións cruzadas, o alcalde apelou á responsabilidade e á necesidade de avanzar con rapidez, sinalando que o importante agora é centrar os esforzos no que está por facer e non no xa sucedido. A prioridade, indicou, pasa por establecer unha interlocución eficaz coa Xunta para garantir a protección provisional das instalacións.

Xosé Bieto Coello, integrante da Plataforma para a Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes, confirmou que o acordo implica solicitar formalmente a Patrimonio unha orde de paralización cautelar mentres se analiza o expediente. Aínda que se mostrou prudente cos prazos administrativos, destacou de maneira positiva o consenso institucional acadado arredor desta demanda.

⚙ Configurar cookies
0.19793009757996