O Pleno de Castro de Rei acorda habilitar unha área infantil na Ponte de Outeiro
Os socialistas de Castro de Rei sacaron adiante no último Pleno da Corporación municipal unha proposta, que foi aprobada por unanimidade, para habilitar unha zona infantil de xogos na Ponte de Outeiro, co fin de dar resposta ás demandas da veciñanza.
Esta iniciativa contribuirá a mellorar a calidade de vida nesta parroquia, tanto dos pequenos como das súas familias, xa que este espazo axudará á socialización dos nenos e nenas, e tamén servirá como zona de unión e convivencia para as familias e veciños.
Concretamente, grazas á proposta presentada polos socialistas, aprobouse colocar varios elementos de xogo e esparexemento ao carón do parque biosaludable, xunto ao campo da festa.
“Tras percorrer as parroquias do noso concello e escoitar á veciñanza, seguirmos presentando propostas e iniciativas que nos trasladan en primeira persoa, para poder construír e vivir no concello que queremos. Castro de Rei merece un futuro mellor e nós seguiremos traballando para conseguilo”, sinalan dende o PSdeG.
Acondicionamento do caixeiro de Correos
Ademais, nesta mesma sesión plenaria o grupo municipal socialista de Castro de Rei demandou ao Concello acondicionar o entorno do caixeiro automático instalado en Correos. ”Recibimos moitas queixas da veciñanza de que este caixeiro está instalado ao aire libre na parede, e os usuarios sofren as constantes inclemencias meteorolóxicas. Por iso, demandamos que se cubra este espazo cunha pequena cuberta, para poder utilizalo con máis comodidade e seguridade”, sinalan os socialistas.