O Pleno de Castro de Rei aproba un orzamento de 5,6 millóns de euros

LugoXa | TerraChaXa
O rexedor, Francisco Balado, destacou os investimentos en servizos sociais, dotados con 889.228 euros
Casa_Concello_Castro_de_Rei
Concello de Castro de Rei
26 Jul 2024

O Pleno de Castro de Rei aprobou co acordo da oposición o orzamento para o presente exercicio, que ascende a 5.659.400 euros, un millón máis que o ano pasado debido ao incremento de fondos en todas as partidas.

O rexedor, Francisco Balado, destacou os investimentos en servizos sociais, dotados con 889.228 euros, 65.000 euros máis que en 2023, con los que financiará o Servizo de Axuda no Fogar.

Outros dos capítulos avultados das contas son as infraestruturas, ás que se destinan 952.000 euros. Unha parte importante deses cartos, 769.000 euros irán para o acondicionamento de vías. Outras das obras previstas son a ampliación do cemiterio de Duarría e as melloras do parque infantil de Castro de Rei e a muralla. Recibirán para estas dúas achegas do canón eólico e do ARI.

Para fomento do emprego van 544.438 euros, que contrastan cos 148.775 do ano 2023. Este aumento é debido a que será este concello o que coordine o taller de emprego que comparte con Cospeito e Outeiro de Rei.

No capítulo de educación establecen unha partida de 427.000 euros que van ao financiamento da escola infantil e o mantemento dos colexios, sen que falten as axudas e subvencións a colectivos, que suman 60.000 euros.

A situación sanitaria tamén foi protagonista nun pleno que se prolongou durante dúas horas pola gran cantidade de asuntos a tratar. Por unha banda o PP levou unha moción pola que se insta ao Ministerio de Sanidade a paliar o problema da falta de médicos, iniciativa na que o PSOE se abstivo. O BNG tamén levou a súa reclamando que se manteñen os servizos médicos no consultorio de Castro de Rei, na que tamén houbo acordo.

 

0.17935609817505