O Pleno de Cospeito aproba o orzamento e axudas para hostaleiros

TerraChaXa
Cospeito aprobou no pleno ordinario un orzamento de 3.688.822,89 euros para o ano 2021 así como unhas axudas para a hostalaría local.
Casa_concello_Cospeito
30 Mar 2021

O equipo de goberno de Cospeito aprobou no pleno ordinario celebrado onte un orzamento de 3.688.822,89 euros para o ano 2021 así como unhas axudas para a hostalaría local a través dunha moción presentada polo partido socialista.

Así, coa abstención do PSOE e o voto en contra do BNG foi dado para adiante o orzamento de Cospeito. Inclúe este unha partida duns
160.000 euros para investimentos reais. Este diñeiro destinarase, entre outras cousas, a unha posible reforma dentro da casa do concello coa que se pretenden acondicionar novos despachos cunha aportación económica por parte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de 40.000 euros.

No capítulo de investimentos se prevé a adquisición de material informático,  mobiliario para servizos sociais ou a finalización dunha obras de ampliación na estrada que vai de O Arneiro ao polígono industrial de Muimenta, que debido ás malas condicións climatolóxicas do pasado ano tiveron que quedar en suspensión.

O capítulo con máis investimento é o de bens correntes e servizos, que se leva un 50% e que inclúe o Servizo de Axuda no Fogar.

Reserva o orzamento subvencións nominativas para festas patronais, feiras e asociacións de tipo cultural ou deportivo, que manteñen as contías de anos anteriores.

A concelleira nacionalista votou en contra por considerar que eses fondos ían mellor destinados a axudas vinculadas á crise sanitaria. O PSOE, malia absterse "pola necesidade de ter que ter orzamentos para poder facer cousas" asegurou que faltaban no orzamento as axudas para os sectores afectados e que "hai cousas máis urxentes que moitas das que teñen aportación".

AXUDAS Á HOSTALARÍA

Finalmente e tras varios intentos, o PSOE logrou o respaldo do equipo de Goberno para sacar adiante unha proposta de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia.

Na súa moción, os socialistas pedían tres tipos de axudas. Así conseguiron que se suspenda a cobranza pola utilización das terrazas mentres a situación deste sector non se normalice, así como non cobrarlles o recibo de auga nin o de lixo durante dous trimestres.

O punto que reclamaba axudas de 1.000 euros para cada un dos establecementos hostaleiros e de restauración da localidade afectados polos peches ou restricións tivo que ser modificado. Acordouse establecer un baremo de entre 1.000 e 1.500 euros dependendo do local.

0.17551398277283