O Pleno de Cospeito remata sen aprobar medidas de axuda aos afectados pola pandemia
O Pleno extraordinario de Cospeito, organizado a petición do PSOE para debater unha serie de medidas propostas para facer fronte aos efectos do coronavirus, só conseguiu sacar adiante unha única proposta, a de convocar unha xunta de voceios para abordar todos os temas relacionados co covid-19.
Malia o clima e as boas palabras iniciais de cooperación, nos puntos cruciais do Pleno non se logrou un acordo e o debate extendeuse. A modificación das ordenanzas para reducir as taxas aos veciños non contou co apoio do grupo de goberno alegando que non se trataba dunha proposta concreta e que non serviría de axuda á veciñanza e xeraría pola contra un gran volume de traballo.
Outra das medidas propostas, como era a de destinar parte do Plan Único a axudas directas á poboación que perdeu os seus traballos, tampouco contou co respaldo do grupo de Goberno alegando que "non se poden dar subvencións como tal con eses fondos". Do mesmo xeito tampouco aceptou a moción de suspender a cobranza do recibo de auga e lixo a todos os vecios durante este tempo.
Polo tanto, e seguindo a liña do pleno, tampouco foi aprobada a idea de estudar a rebaixa dos salarios do alcalde e edís con dedicación e as retribucións dos concelleiros por asistencia a plenos e comisións.
O resto de puntos foron informativos sobre temas como a prestación de servizos municipais.