O Pleno de Cospeito rexeita a iniciativa socialista de revitalizar a feira mensual
O Pleno ordinario de Cospeito botou atrás as dúas mocións presentadas polo grupo socialista. Nunha delas pedían unha revitalización da Feira mensual.
Para iso propoñían unha xuntanza bianual cos responsables dos establecementos hostaleiros para implicalos nesta iniciativa, do mesmo xeito que propoñían deixar facer uso das casetas da artesanía e facer feiras temáticas dedicadas a algún produto en especial, así como que os veciños puidesen vender os seus produtos na mesma.
O equipo de Goberno votou en contra e cualificou de intentar politizar a feira mensual e de oportunistas. "Moito deben traballar... moito deben estudar como revitalizar a feira da Feira do Monte... dálles tempo incluso ata sacar unha oposición... iso si, mentres a feira desaparece", asegura o seu voceiro, Daniel Irimia.
A segunda moción era relativa a facer un Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, instalar unhas vitrinas en cada parroquia para os bandos municipais e gravar os plenos e as comisións. Neste caso tamén votaron en contra e segundo aseguran os socialistas "porque se algo do que din os nosos concelleiros fora mentira ou faltara á verdade entón votarían a favor desta proposta para que todos os veciños viran o que segundo o Grupo do Partido Popular mentimos. Pero non se atreven, e hoxe imos ser moi claros, non se atreven nin teñen un voceiro á altura do noso.
Así mesmo, os socialistas preguntaron pola limpeza de varias leiras, así como polo estado do asfaltado da estrada que pasa polo barrio de Sanguido e A Agra, en Xermar e sobre o Camiño das Fontiñas no barrio de Cochín e o seu estado.