O Pleno de Guitiriz aproba a adhesión á Aplu
O Pleno da corporación aprobo en sesión ordinaria, cos votos a favor de PSOE e BNG e en contra do PP, a adhesión do Concello de Guitiriz á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu).
A Aplu é un ente público dependente da Xunta de Galicia que ten como obxectivo mellorar a calidade da ordenación urbanística galega e conta con persoal especializado para elo. Por iso, e dado o simbólico custo económico que suporá para o Concello, o goberno local de Guitiriz decidiu delegar as competencias municipais en materia de disciplina urbanística na Aplu, para lograr un mellor control desta área e unha mellor organización do persoal municipal.
As competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística que se atribuirán á Axencia teñen que ver con: solo rústico ou non urbanizable en calquera das súas categorías, solo urbanizable ou apto para urbanizar mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento, e núcleos rurais delimitados no planeamento urbanístico municipal.
Nesta delegación de competencias non está incluída a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación do convenio, que seguirá sendo do Concello.