O Pleno de Guitiriz dá luz verde á modificación da ordenanza sobre o servizo de recollida e tratamento de lixo

O Concello de Guitiriz celebrou o segundo pleno extraordinario do mes de decembro de 2025, no que se abordou como punto principal a aprobación definitiva da modificación da Ordenanza Fiscal Reguladora da Taxa pola Prestación do Servizo de Recollida e Tratamento de Lixo e Residuos Urbanos.
A proposta foi sometida a votación tras completar o correspondente período de tramitación administrativa e quedou aprobada definitivamente co apoio do grupo municipal do PSOE. Pola súa banda, o BNG optou pola abstención, mentres que o Partido Popular votou en contra da modificación da ordenanza.
Con este acordo, o Concello pecha o proceso de actualización desta taxa municipal, que regula o financiamento do servizo de recollida e tratamento dos residuos urbanos, un dos servizos básicos que se prestan á cidadanía.