O Pleno de Guitiriz únese ante a violencia machista e dúas modificacións clave en servizos sociais e no Centro de Día

O Pleno do Concello de Guitiriz, celebrado este xoves, aprobou por unanimidade tres medidas destacadas: unha declaración institucional con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller —acordo que levou á retirada das mocións presentadas polo PSOE e polo PP sobre este asunto para elaborar un texto conxunto de toda a corporación—; a nova Ordenanza Reguladora de Axudas de Emerxencia Social; e a modificación do Regulamento do Centro de Día Casa do Capataz.
Ademais destes puntos, a sesión incorporou outros asuntos de relevancia. A proposta de autorización para a subcontratación parcial da prestación P6 do contrato de servizos enerxéticos do alumeado público e edificios municipais, por parte da empresa Alisea Esco SA, saíu adiante cos votos favorables do grupo socialista e co rexeitamento de BNG e PP.
O Pleno tamén abordou unha moción do Partido Popular en defensa da autonomía municipal e para solicitar a suspensión da taxa do lixo derivada da Lei 7/2022. A iniciativa foi rexeitada cos votos en contra de PSOE e BNG.
Por último, a corporación aprobou unha moción presentada polo PSOE na que se insta á Xunta de Galicia a executar a senda peonil e o arranxo da estrada LU-242 entre o Mesón da Cabra e Parga. A proposta contou co apoio de PSOE e BNG e coa abstención do grupo popular.