O Pleno de Muras aproba o acordo con Iberdrola que permitirá aumentar as axudas da luz

O Pleno do Concello de Muras celebrou un pleno extraordinario no que se aprobou o acordo entre o a entidade municipal e Iberdrola que permitirá incrementar as axudas destinadas a aliviar o custo da factura eléctrica e que traerá tamén unha mellora significativa dos ingresos municipais.
A proposta de pacto foi aprobada cos votos a favor dos tres concelleiros nacionalistas e do non adscrito, mentres que PP e PSOE abstivéronse.
Muras é o municipio galego con maior número de parques eólicos, con vinte instalacións e máis de 380 aeroxeradores, e leva máis dunha década destinando fondos propios a subvencionar o recibo da luz da poboación empadroada. Ata o de agora, as axudas tiñan un límite máximo de 700 euros anuais por persoa, cun investimento municipal duns 100.000 euros ao ano.
Co novo acordo, esa limitación económica deixará de existir, o que permitirá incrementar a contía das axudas, que podería achegarse aos 900 euros anuais, aínda que a cifra definitiva aínda está pendente de concretar. Ademais, o Concello deixará de asumir con fondos propios o custo destas subvencións, o que suporá un aforro directo no seu orzamento anual.
En virtude do convenio, Iberdrola achegará 125.000 euros fixos ao ano ao Concello de Muras para financiar as axudas á electricidade, unha cantidade que se actualizará conforme ao IPC. A maiores, o goberno local percibirá o 2,5 % do valor da produción eléctrica do parque eólico que será repotenciado, unha achega variable que se calculará anualmente e que non superará os 200.000 euros, ata un total de 14 millóns de euros na vida útil do parque.
O acordo tamén inclúe novas liñas de apoio para pequenas e medianas empresas asentadas en Muras, que contan actualmente cunha axuda máxima de 1.500 euros anuais para o pago da luz, contía que poderá revisarse ao alza coa entrada en vigor do convenio.
A repotenciación do parque eólico suporá a redución dos 74 aeroxeradores actuais a tan só oito, aos que se sumarán outros tres no concello de Ourol, cun investimento estimado duns 43 millóns de euros. A pesar da diminución do número de muíños, manterase unha produción elevada grazas á nova tecnoloxía instalada.
Ademais das achegas económicas, o acordo recolle outras medidas complementarias, como a posibilidade de que a veciñanza acceda a bolsas da Fundación Iberdrola, a prioridade para que os propietarios recuperen terreos en desuso tras a repotenciación ou a cesión gratuíta de solos para usos agropecuarios. Tamén se contempla a reposición de camiños e pistas municipais unha vez rematadas as obras.
JULIO DÍAZ
Pola súa banda, o concelleiro no adscrito, Julio Díaz explicou o seu voto positivo a este acordo "polo moito de positivo que achega aos veciños e veciñas de Muras ao subir a contía das axudas de cara a 2027.
Explicou o concelleiro que fixeron unha proposta ao equipo de Goberno para que estas contías alcanzasen os 900 euros para rendas inferiores 1.500 euros "ou incluso chegar aos mil euros de axuda". Para os seguintes tramos as axudas pasarían de 600 a 700, de 500 a 600 e máxima subila de 200 a 300 euros. Ademais, para as empresas esta axuda sería agora de 1.700 euros fronte aos 1.500 que había ata o de agora. "Para nós, os autónomos e empresas son un piar fundamental para o noso concello", explicou o concelleiro.
Tamén explicou que propuxeron outra liña de axudas para as vivendas e cre que se poderían crear outras novas. "Fixemos unha proposta máis sen mirar cores políticas, mirando exclusivamente polo futuro do pobo que era no que se debería basear a oposición. "Tentamos ser construtivos para mellorar o día a día do pobo", concluíu.