O Pleno de Muras logra ao cuarto intento aprobar o soldo do alcalde

TerraChaXa
Fixo falta un cuarto intento para lograr que o Pleno de Muras aprobase as retribucións dos cargos públicos.
29 Dec 2023

Fixo falta un cuarto intento para lograr que o Pleno de Muras aprobase as retribucións dos cargos públicos. A abstención do PSOE neste cuarto intento permitiu que o alcalde, que ten unha dedicación parcial puidese cobrar o seu salario, que non percibe desde hai seis meses.

Este punto levaba enquistado desde a formación do Goberno, no mes de xuño, e non foi aprobado pola negativa da única concelleira socialista, que decidiu, contrariamente ao que fixo o seu antecesor, Mario Rouco, non entrar no Goberno e pasar á oposición.

Así, queda aprobada unha retribución parcial do 75% para o alcalde, cun soldo de 34.000 euros, a mesma cantidade que se presentou na primeira sesión e ante a que votou en contra o PSOE e o PP. A concelleira socialista alegou estar na obriga de cambiar o seu voto pero os populares mantiveron a súa negativa.

O Concello de Muras conta actualmente con sete concelleiros, tres son do BNG, a lista máis votada, 3 do PP e 1 de PSOE. Este mesmo reparto levaba xa dúas lexislaturas pero agora a falta de entendemento entre as forzas de esquerdas levou a unha situación de bloqueo. A primeira parada foi a remuneración do alcalde. A súa aprobación foi levada a pleno en tres ocasións e non logrou saír adiante malia as modificacións propostas por Requeijo.

Foron moitas as voces que se alzaron en contra deste “desgoberno”, algunhas delas afines ao partido da rosa, que non vían con bos ollos “este bloqueo que o único que fai e traer consecuencias para os veciños”, relatan algúns. A falta de acordo e as desavenencias. entre os socialistas foron a consecuencia desta situación, que impediu varios avances nestes primeiros meses.

No pleno non se aprobou a elección do xuíz de paz, do que se encargará o Tribunal Superior de Xustiza debido a unha coincidencia familiar entre os candidatos. Tamén se aprobou a conta xeral do 2022 e unha moción dos nacionalistas que pedía un convenio de transición xusta para As Pontes e que tamén contou coa abstención do PSOE.

0.18684005737305