O Pleno de Muras rexeita a proposta de Julio Díaz para instalar contedores soterrados

TerraChaXa
O concelleiro explicou que o proxecto pretendía executarse de forma paulatina e planificada, atendendo ás demandas que lle trasladaron directamente varios veciños
contedores-lixo-muras
31 Oct 2025

O Pleno do Concello de Muras rexeitou a moción presentada polo concelleiro non adscrito Julio Díaz, na que propoñía a instalación progresiva de contedores soterrados de lixo en sete puntos do casco urbano. A iniciativa non contou co apoio de ningún dos grupos municipais, o que o edil cualificou como “un exemplo máis de políticas sectarias e contrarias ao interese do pobo por parte do alcalde”.

Díaz explicou que o proxecto pretendía executarse de forma paulatina e planificada, atendendo ás demandas que lle trasladaron directamente varios veciños, preocupados pola localización dos actuais colectores, “nalgúns casos pegados a vivendas particulares, preto de centros sociais e nas zonas de paso dos nenos”. Segundo o concelleiro, a proposta buscaba mellorar a salubridade e a estética do municipio, ademais de reducir cheiros e facilitar a recollida de residuos.

O edil lamentou a falta de apoio e asegurou que “os veciños pouco e nada importan, porque cando achegan ideas non se lles escoita e cando alguén as leva ao pleno, simplemente bótanas abaixo”. Díaz insistiu en que seguirá escoitando as peticións da veciñanza e levándoas a pleno.

Si saíu adiante, e por unanimidade, a segunda moción do concelleiro, na que pedía a posta en valor da antiga Banda de Gaitas de Muras, actualmente disolta, polo seu valor etnográfico. Por iso, propoñía a exposición dos traxes nun dos locais municipais, para a súa exaltación e para dar coñecer a historia dos traxes e da banda.

O obxectivo desta actuación é tamén mantelos en bo estado. Por iso propoñen tamén o inventario e catalogación destes traxes, que no seu momento foran feitos a medida, o almacenamento de xeito adecuado e a posible celebración de visitas guiadas.

⚙ Configurar cookies
0.081918001174927