O Pleno de Outeiro de Rei dá para adiante aos orzamentos, a ordenanza do viveiro e á teleasistencia

LugoXa | TerraChaXa
As mocións de nacionalistas e socialistas quedaron sen apoio, entre elas a mellora do SAF, a declaración sobre Gaza e a conservación da pontella da Insua do Mordomo
pleno-outeiro-de-rei
26 Sep 2025

Outeiro de Rei acolleu este xoves, 25 de setembro, un pleno ordinario na Casa Consistorial no que se abordaron diversos asuntos de relevancia municipal. A sesión comezou coa aprobación por unanimidade das actas anteriores e continuou coa resolución do expediente relativo á elaboración e aprobación do orzamento municipal e ás alegacións presentadas, que saíu adiante con oito votos a favor, dous en contra e unha abstención.

Os nacionalistas afean ao equipo de goberno que, máis dun ano despois da data obrigatoria para a súa aprobación, aínda non foi quen de os aprobar definitivamente; nun movemento que encadran "no escurantismo e falta de transparencia do equipo de goberno con respecto aos orzamentos".

Acordouse por unanimidade a designación dos festivos locais para o ano 2026, que serán o martes de Entroido e o luns de Santa Isabel. Pola súa banda, desestimáronse as alegacións presentadas polo grupo municipal do BNG e aprobouse definitivamente a Ordenanza Reguladora do Viveiro Empresarial, conforme ao texto aprobado provisionalmente na sesión plenaria do 26 de xuño de 2025 e coa súa correspondente publicación no BOP de Lugo. Esta aprobación contou con oito votos a favor e tres abstencións.

Tamén se deu conta do expediente sobre o acceso ao servizo de teleasistencia ou de axuda a domicilio, antes de debater a moción presentada polo grupo municipal do PSOE para a mellora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O equipo de goberno defendeu que boa parte das propostas incluídas na moción xa se están aplicando ou estudando, e subliñou que as melloras dependen do financiamento estatal. O alcalde lembrou que a Lei de Dependencia establece un reparto ao 50 % entre as comunidades autónomas e o Goberno central, mais actualmente só a Xunta de Galicia está a cumprir co seu compromiso, mentres que a outra metade é asumida polo propio Concello de Outeiro de Rei. Segundo explicou, os concellos deberían limitarse á xestión dos servizos sociais e non ao seu financiamento. A moción foi finalmente rexeitada con tres votos a favor e oito en contra.

Sobre esto a concelleira socialista, Carmen Acacio explicou que “non entendemos como se pode dar as costas a un servizo esencial para milleiros de familias e a unhas traballadoras que desenvolven o seu labor en condicións de precariedade e risco”, lamentou Acacio. “O alcalde perdeu a oportunidade de poñer Outeiro de Rei do lado das persoas máis vulnerables e das profesionais que coidan delas. A súa postura é inxustificable, máis aínda cando en Galicia vivimos unha situación de colapso no SAF e cando recentemente coñecemos casos tan tráxicos como o asasinato dunha traballadora en O Porriño”.

Desde o Grupo Socialista insistiron en que “seguiremos reclamando un SAF digno, seguro e planificado, e esixindo que se escoite tanto ás persoas usuarias como ás profesionais que sosteñen este servizo fundamental”.

NACIONALISTAS

O BNG levou entre as súas iniciativas unha proposta de declaración institucional, que contiña un chamado á paz e ao respecto dos Dereitos Humanos na franxa de Gaza e Cisxordania; e en contra da actuación do Goberno de Israel.

"A Alcaldía bloqueou a proposta sen ningún tipo de acordo ou transacción ao respecto. Só se aceptou o mantemento dun minuto de silencio, evitando o Alcalde a mención á palabra “xenocidio” e sen unha condena expresa ás accións do Estado de Israel", reclamaron.

Sobre este punto, a concelleira socialista, Carmen Acacio, criticou a decisión: “O que está a ocorrer en Palestina é un auténtico xenocidio, e resulta vergonzoso que o PP non queira comprometerse publicamente coa paz e cos dereitos humanos”.

Ademais desta materia, os nacionalistas preguntaron á Alcaldía polo recente anuncio de compra do ximnasio D10 por parte do Club Fluvial de Lugo, que podería afectar a máis de 600 familias de Outeiro de Rei. “Esta operación, que podería ter un custo de 1.000 euros, en modalidade individual e 1.500 na familiar para cada veciño e veciña que hoxe usa do D10, non foi merecente de ningunha alusión concreta por parte da Alcaldía. Lamentamos a escasa preocupación que o Alcalde parece mostrar diante desta situación que preocupa á nosa veciñanza”, indicou Noelia Fompedriña, concelleira nacionalista.

Solicitouse tamén polo BNG a execución de medicións de gas radón no Concello (catalogado como de elevado risco), para a protección dos empregados municipais; ao que tamén se contestou en negativo.

PSOE

O PSdeG tamén presentou un rogo para reclamar medidas urxentes de conservación da Pontella da Insua do Mordomo, incluída na Lista Vermella do Patrimonio. A iniciativa propoñía instar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a actuar de inmediato, abrir vías de colaboración coa Deputación e coa Xunta para garantir a súa protección legal, rehabilitar a construción e mellorar os sendeiros e accesos á contorna como recurso patrimonial e turístico.

"Con todo, o alcalde limitouse a falar da zona do sendeiro, asegurando que é inundable, e volveu escusarse na falta de financiamento do Goberno central, ignorando o groso da proposta", explicou Acacio.

⚙ Configurar cookies
0.086570978164673