O Pleno de Pol dá luz verde á rehabilitación da reitoral de Suegos

Pol
LugoXa | TerraChaXa
O proxecto conta cunha subvención de 195.000 euros a través dos fondos Next Generation
visita-isabel-rodriguez-lino-casa-reitoral-suegos
5 May 2025

O Concello de Pol vén de aprobar, nunha sesión plenaria extraordinaria, o proxecto técnico básico para a rehabilitación da antiga casa reitoral de Suegos, un inmoble de titularidade municipal que o goberno local ten intención de converter nun centro social. A proposta, impulsada polo executivo socialista, saíu adiante cos votos do equipo de goberno e coa abstención dos grupos da oposición (PP e BNG). O alcalde, Lino Rodríguez Ónega, explicou que se pretende iniciar os traballos "canto antes", aínda que o proxecto contou co informe desfavorable de Intervención.

A voceira do PP, Nicole Grueira, xustificou a súa abstención alegando a mala situación económica do Concello. Criticou que o proxecto require un investimento de máis de 170.000 euros, dos cales o Concello debe achegar 81.000 —unha cantidade que, segundo ela, non se sabe de onde se vai sacar—, ademais de prever unha segunda fase cun custo adicional de 90.000 euros. “Van comezar a obra para deixala a medias, como xa pasou noutras ocasións”, advertiu.

Desde o BNG tamén se amosaron críticos. Blanca Fernández, portavoz nacionalista, sinalou que "falta planificación" e cualificou a proposta como "unha obra faraónica sen consenso veciñal". Tamén apuntou ao informe negativo de Intervención como motivo da abstención.

O proxecto conta cunha subvención de 195.000 euros a través dos fondos Next Generation e do Programa de Impulso para a Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP Local). A achega municipal é obrigatoria para acceder aos fondos.

Os traballos previsitos incluirán o apuntalamento, consolidación, reforzo e substitución de elementos estruturais, pechando o baleiro central cun patio exterior cuberto. Tamén se mellorará a envolvente térmica, renovarase toda a carpintería e instalaranse paneis fotovoltaicos e unha caldeira de biomasa. A recuperación da auga da chuvia permitirá que o edificio sexa autosuficiente enerxeticamente durante boa parte do ano.

Na parte traseira do inmoble prevese a construción dun invernadoiro, como parte da recuperación dun espazo degradado e co obxectivo de empregar recursos vexetais como “elementos bioclimáticos”.

O rexedor indicou que, se non hai atrancos, as obras poderían comezar en outubro deste ano. O obxectivo desta obra é por unha parte ofrecer un acceso a servizos culturais e sociais á veciñanza de Suegos e pola outra traballar no mantemento e renovación do parque inmobiliario en concellos rurais ou con moi baixa densidade de poboación, como é o caso de Pol.

A casa de Suegos, situada no lugar de Vigo, está en desuso desde os anos 90 e para dar cabida ao equipamento social que serva aos veciños como punto de control, reunión e acceso ás novas tecnoloxías, farase unha actuación integral, que ademais de poñer atención en cuestións de eficiencia enerxética, centrarase na accesibilidade, a conservación e a habitabilidade da construción.

"Estas actuacións beneficiarán directamente aos máis de 1.600 veciños e veciñas que viven neste municipio, que contarán cun novo local social que servirá como punto de encontro e reunión", explican desde o Concello.

⚙ Configurar cookies
0.16198396682739