O Pleno de Ribadeo votará a Suso Peña como fillo adoptivo
No Concello de Ribadeo celébranse as comisións informativas preparatorias do pleno da vindeira semana. Entre os asuntos que se abordarán figura un expediente de modificación de crédito para inversións financeiramente sostibles, que inclúe un ambicioso proxecto para actuar en camiños do rural así coma outros que están a piques de iniciarse, por un montante total de 300.000 euros. Tamén se analizará un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 106.000 euros para efectuar o pago de facturas pendentes do pasado exercicio, así como unha modificación de suplemento de crédito para unha subvención a Acisa destinada a unha campaña singular de apoio ao comercio que se presentará dentro duns días. No pleno da vindeira semana tamén se someterá a aprobación o nomeamento do artista Suso Peña como fillo predilecto de Ribadeo.
O alcalde, Fernando Suárez, contou que “varios son os asuntos que van ir ás comisións informativas desta tarde, que son preparatorias do pleno da semana que ven. Entre as máis importantes está un expediente de modificación de suplemento de crédito para inversións financeiramente sostibles. Xa ven sendo habitual nestes últimos anos que, grazas á xestión realizada, os resultados presupostarios dos últimos exercicios sempre contan con remanentes positivos. Hai que ter en conta que, desde o ano pasado, as novas medidas do Ministerio de Economía e Facenda acordaron que os Concellos puidéramos dispoñer destes remanentes para inversións, sempre que estivéramos liberados de plans de axuste, e hai que lembrar que isto aquí xa foi amortizado o ano anterior. Agora polo tanto podemos dispoñer deles para reforzar inversións para rúas, camiños ou outros fins”.
O rexedor explicou que “para todo isto xa estamos redactando os correspondentes proxectos nalgúns casos e noutros os procesos de licitación xa están moi avanzados como pode ser a rúa Carlos III e Sor Pilar der León, que nos próximos días se comezará a amañar, ou ben o camiño de A Faxarda ao cemiterio de Ribadeo que tamén nos vindeiros días empezará. Tamén estamos redactando proxectos para un ambicioso plan de camiños no rural, dividido nas parroquias da costa e do interior, que en breve presentaremos, e polo tanto queremos habilitar esta partida duns 300.000 euros para todas estas inversións”.
Suárez Barcia sinalou que “trataremos un suplemento de crédito para todas estas facturas que son dun ano contable, por exemplo do 2018, pero que os provedores por algún motivo, porque se esquecen ou polo que sexa, o presentan noutro ano diferente como é no ano 2019, para iso temos que facer o que se chama recoñecemento extraxudicial de crédito para darlles cabida na contabilidade anual. Isto importa a cantidade de 106.000 euros. Tamén dentro do ámbito económico imos levar unha modificación de suplemento de crédito para unha subvención a Acisa, destinada a unha campaña singular de apoio ao comercio local que estamos traballando nestes últimos tempos, e que dentro de poucos días daremos a coñecer”.
O alcalde relatou que “hai un punto que se trata da proposta de nomeamento do artista, finado xa hai uns anos, Suso Peña como Fillo Predilecto de Ribadeo. Hai que ter en conta que numerosas asociacións culturais tanto da vila como da comarca, así como moitas persoas a título individual, o viñeron demandando e o Concello propoñemos para que tome posición sobre este asunto”.
Fernando Suárez engadiu que “hai outro punto relativo a aspectos medio ambientais, que é unha proposta que ven directamente da Unión Europea para os Concellos, o que lle chaman eles o pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía. Está coordinado pola Xunta de Galicia e os Concellos se queremos podémonos adherir, e o Concello de Ribadeo por suposto que se quere adherir, para facer un estudo da situación de Ribadeo, para ver os indicadores ambientais, o plan de acción, etc…, e coordinados entre Concello, Xunta e Unión Europea poidamos facer medidas tendentes a tratar mellor o noso medio ambiente”.